Un dos portos pesqueiros de referencia a nivel europeo é Burela, onde a pesca do Bonito é a que máis singulariza. Neste porto recala o programa de hoxe de Ribeiras de Salitre, da TVG.

Además do bonito, é importante a pesca do peixe espada, o pincho e a pesca de baixura con artes menores, cerco, volanta e nasa. Á Confraría están asociados 337 mariñeiros.

Balbino Trelles é un mariñeiro xa retirado que fará de guía no Barco Museo no que traballou máis de 20 anos. Tratase dun barco que se dedicou a pesca do bonito, e hoxe permanece atracado no porto funcionando como museo para mostrar o mundo da pesca en Burela. Balbino ao tempo que ensina o barco vai lembrando a vida que viviu ao longo de 20 anos traballando no "Reina del Carmen", que é o nome do barco.

E a sorpresa maior chega co Mago Pi, o mariñeiro que fai maxia cos peixes. José Manuel Basanta, de alcume en Burela "Piraña" é un mariñeiro que anda na pesca de baixura e que ademais traballa no mundo da maxia co nome artístico de Mago Pi.

Entre os mariñeiros de Burela hai moita afección á música, e en concreto un grupo deles andan aprendendo a tocar o acordeón nas clases que imparte Albano González. Entre os que destacan, co acordeón atópase Basilio Otero, que é o patrón maior de Burela.

Para poñer en valor os produtos deste porto tiveron unha idea Nieves Medina e Nuria Carreño. Elas montaron a conserveira artesanal que chaman Currimar, na que envasan produtos da pesca de Burela. Nieves e Nuria van a ensinar como cociñan o marmitaco de bonito para logo envasalo.

Catro marabillosas nenas van a amosar como palillan. Elas son Nerea Francos, Rocío García, Paula Fraga e Lola Muñoz, que pertencen a asociación de palilleiras de Burela, e van a contar porque lles gusta palillar. E con elas estará Susana Álvarez que é a súa mestre de palillo e que falará da asociación e dun encontro de palilleiras que fan cada ano, ao que acoden palilleiras de toda España.