Son numerosos os proxectos que deixou abertos Xosé Neira Vilas ao seu falecemento, do que mañá se cumpre un ano. Unha desas obras que agardaban a ver a luz é "Quique na aldea", que se presentou onte na Fundación que leva o seu nome, en Gres. Á presentación acudiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, así como o artista Roi Casal e un grupo de alumnos dos colexios de Piloño, Vedra e Boqueixón, vestidos coma os nenos de comezos do século pasado.

O libro está editado por Volanda e tén 32 páxinas, nas que se relata a historia de Quique, un neno que vive nunha vila e que descobre todos os encantos da aldea un verán que pasa cos avós.

Feijóo afirmou que "hai xente que non tivo a sorte de nacer no rural, como Quique, e é moi bo que a xente da cidade o veña coñecer". O acto non podía pasar sen ter unhas palabras de recoñecemento para o autor das memorias do neno labrego. "Neira Vilas foi unha persoa que nunca se esqueceu da súa aldea, nin de Gres, nin de Galicia, nin da paisaxe", afirmou o presidente da Xunta, quen tamén deu unha serie de consellos aos nenos. "A Neira Vilas o que lle gustaría é que leades, que medredes en libertade e con coñecemento", afirmou, engadindo que "a diferencia entre un can de palleiro e nós é que nós sabemos ler".

Este acto da Xunta forma parte do programa de eventos co que se conmemora o primeiro ano do pasamento do xenial escritor. Hoxe pola tarde na capela de Gres terá lugar a misa de cabodano, á que acudirá a familia e aqueles coñecidos que gardaban unha estreita relación co escritor cruceño.