Escritor e autor de referencia no eido dos estudos literarios galegos, o tamén colaborador de FARO DE VIGO, Xosé Ramón Pena ven de publicar "Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. A xeira das Irmandades da fala" (Edicións Xerais), volúme que será presentado o próximo martes, 8 de novembro, na sede da Real Academia Galega na Coruña.

- A grande"ousadía" das Irmandades foi pretender que o galego, daquela a "lingua da xente probe", se elevase ao uso cotián das clases medias-altas de Galicia. No seu tempo non o conseguiron pero, hoxe, malia as eivas evidentes, o galego subsiste e é usado por todas as clases de Galicia. Viviríamos esta realidade de non teren existido as Irmandades?

- Existe aínda un digamos "vicio" que consiste en soster, erróneamente, que a lingua galega sempre estivo vencellada á xente máis humilde. Iso non é certo pero, dito isto, é verdade que o que pretendían as Irmandades era extender o uso do galego a todas as clases sociais e que nese momento histórico, é dicir, no do nacemento das Irmandades, o uso cotián da nosa língua estaba cáseque cinguido ao que coñecemos como clases baixas e, maioritariamente, rurais. Qué ocorre? Pois ocorre que todo o que fan as Irmandades morre o 18 de xullo de 1936 e que non sería ata as décadas de 1940/1950 cando dalgún xeito volve a retormarse o seu obxectivo pero xa doutra maneira, unha maneira que comeza a cristalizar nos anos de Transición, nos que para nada nos remontábamos ao legado das Irmandades. Polo contrario, como o de case todo o que sucedeu antes de 1936, delas volveu a falarse dende hai relativamente poucos anos, e así é como redescubrimos que, ainda que sexa indirectamente, o labor das Irmandades no campo da normalización ía encamiñado a conquerir ese obxectivo de ter unha lingua propia non só vencellada ás clases baixas, senón á sociedade galega en toda a súa integridade, que é o que, ainda que coas súas eivas, reflicte a realidade de hoxendía.

- Houbo algun intento serio de normativización do galego entre 1916 e 1936?

- Houbo intentos, iniciativas, como a Gramática de Luís Freire ou as Bases para a Unificación do Idioma do Seminario de Estudos Galegos, pero para que fosen serios no senso de viables terían que haber tido posibilidades de aplicación práctica no conxunto da sociedade. É evidente que, nese sentido, non o foron porque, entre outras razón, non había institucións autonómicas como as de hoxe.

- Academia Galega si que había.

- Xa, pero eu refírome á capacidade de utilizalo na Administración ou no Ensino, por poñer dous exemplos. De todos os xeitos, tamén hai que recoñecer que neses anos a cultura escrita galega era aínda moi pequena.

- Os cataláns si o fixeron.

- Os cataláns si, pero é que eles nesa altura xa ían moi en serio no proceso da autonomía e, a difererencia do que ocorría no resto de España, en Cataluña xa se rompía o turnismo político liberais-conservadores. Realmente, a Academia Galega comezou a preocuparse polo idioma cando os intelectuais das Irmandades empezaron a ingresar nela, e iso non sucedería ata os anos 30, no período republicano que, como todos sabemos, foi moi curto.

- Se a esta etapa da Historia da Literatura Galega que abrangue o seu libro, Vde. denomínaa os "Anos de Prata". Cales serían os "Anos de Ouro" se é que chegaron?

- A denominación de "Anos de Prata" non é miña, senón doutros autores, nomeadamente de Mainer, que por certo se refire a "anos de prata" da literatura española. É un xeito de chamarlle a este período da nosa historia literaria e, á espera da valoración que dentro duns anos se faga do que está a ocorrer agora mesmo, na actualidade a etapa dos "Anos de Ouro" fica reservada á Idade Media, isto é, a do movemento trobadoresco.

- O capítulo 10 está dedicado a Manuel Antonio, Cunqueiro e García Lorca. Cál é o nexo común entre estes tres poetas para que Vde. decidirá incluílos nun mesmo capítulo?

- Aquí temos que volver ás Irmandades da Fala, que foron as que primeiro pretenderon formular de maneira nítida e sistemática unha pregunta clave aínda vixente na actualidade: Qué é cultura galega? Iso atingue á creación dunha estética nacional, e aí hai varias respostas. Hai a resposta tradicionalista (Noriega Varela), a ortodoxa (Cabanillas), a da nova estética de Amado Carballo?.e logo hai outra resposta, rupturista, verdadeiramente anovadora, que en termos teóricos só chegou a manifestar Manoel Antonio. Esa resposta vangardista, malia que non en forma de manifesto nin tan contundentemenente, tamén se aprecia no primeiro Cunqueiro e en Lorca, que é un poeta alófono, pero que formaba parte da vangarda española daquela época. Daquela, ainda que só Cunqueiro e Manoel Antonio están directamente relacionados, a Lorca decidín incluílo ainda que, salvo nos "Seis poemas", non forma parte do sistema literario galego, si que, en troques, comparte ese rupturismo.

- Cales foron os xéneros narrativos máis recurrentes e cáles as temáticas máis tocadas durante esta etapa neste periodo 1916-36?

- Unha das teimas das Irmandades foi a da creación dunha novela popular galega, algo que vai en correlato co que pasaba nas letras españolas nesa época. Tratábase de construir unha narrativa popular que chegase ás clases medias, e que falase fundamentalmente dos temas urbanos co obxectivo de interesar a esas clases e, tamén, a aquela parte da clase proletaria que xa estaba empezando a aprender a ler, a alfabetizarse a pasos axigantados. De aí veu unha proliferación de xéneros e temáticas, pero se falamos dun análise dende o punto de vista das obras imperecedeiras, unha das temáticas máis recurrentes foi a que cultivou Otero Pedrayo, o relato simbólico identitario, é dicir, un relato que procura na paisaxe, na lingua e nos costumes do pobo galego os sinais de identidadeidealizándoos na aventura do eu propio e do grupo ao que pertenzo Hai, por outra banda, unha segunda corrente forte que é a que eu chamo o relato neopopular, caracterizada pola utilización da cultura popular para crear un modelo de literatura culta, no que destacan Castelao ("Retrincos") e Rafael Dieste ("Os arquivos do trasno").

- Como balance xeral é sintético, cál faría Vde. desta etapa da historia da literatura galega?

- Para min esta é claramente a historia dun soño incompleto, un soño que acabou nun pesadelo, un soño cheo de contradiccións e atrancos tal vez, pero que no seu momento serviu para sentar as bases dunha verdadeira cultura nacional galega.