A ribeira deste porto mostra unha gran variedade de artes de pesca, artes de enmalle, cerco, palangre e marisqueo, especialmente percebe que se traballa nos Aguillóns de Cabo Ortegal. O programa da TVG Ribeiras de salitre achégase este mediodía a Cariño.

María Landrove, redeira dende fai moitos anos, ensinará ao presentador, Henrique Rivadulla, como atar unha rede. Manuel Fontenla preparará uns xurelos lañados á brasa. El é peixeiro que vende, coa súa furgoneta, polas vilas e aldeas da Mariña. Antes foi mariñeiro, pero o oficio de peixeiro gústalle máis, aínda que en realidade todo é andar no medio do peixe.

Os máis pequenos da ribeiras bailan dentro da lomxa a Danza de Arcos , un baile moi antigo do que non se ten constancia da súa orixe, pero si que se trata dunha danza moi mariñeira, e que de Cariño foi levada a outros portos de Galicia.

Santiago Cuevas é un mariñeiro que fai artesanía, concretamente barcos a partir dos fíos e nós mariñeiros, algo realmente sorprendente. No programa xa apareceran maquetistas facendo barcos de madeira e ferro, pero non con fíos e nós, polo que se pode dicir que Santiago Cuevas é creador dunha arte singular.

Con Benigna Rey, Rivadulla aprenderá a apreciar a arte do encaixe, que se fai cos palillos, e se trata dun traballo moi ligado ao mundo do mar, pois é na costa onde máis se ten realizado, e ten moito que ver cos nós mariñeiros e cos das redeira.