O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo onte unha xuntanza de traballo coa Escola de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo (UVigo), no marco da rolda de encontros que está a promover o seu departamento desde a aprobación, hai un mes polo Consello da Xunta, do novo Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico (2016-2020). A finalidade do encontro é planificar posibles iniciativas conxuntas que redunden na promoción do uso da lingua galega na formación académica dos novos profesionais do ámbito da empresa.

Á reunión tamén asistiu Xosé Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador, entidade participante no proceso de confección do devandito plan, que articula un total de 84 medidas para reforzar e aumentar a presenza do galego no sector da economía, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de crearen comportamentos.

O proxecto púxose en marcha en 2015, cando comezou a tarefa de difusión do plan entre as organizacións públicas e privadas vinculadas ao mundo empresarial e as que traballan a prol da lingua galega. O programa parte da Administración Autonómica, pero busca ser transversal na súa aplicación e implicar á sociedade.

O Plan de Dinamización ten un orzamento de 5.187.327 euros e inclúe medidas xerais dirixidas ao tecido empresarial como visibilizar o emprego da lingua galega a través da publicidade e a sinalización interna e externa das empresas e as áreas comerciais, a promoción e posta en valor das vantaxes do galego como lingua que lle abre as portas á lusofonía, actividades informativas para visibilizar as potencialidades do galego como lingua internacional de negocios, actividades de promoción nos medios de comunicación para o reforzamento da lingua no ámbito socioeconómico. Mesmo aposta por instituír o Día da Galeguidade Empresarial coa finalidade de crear unha referencia cronolóxica importante para conmemorar o uso do galego nas empresas, promocionar a lingua na etiquetaxe ou establecer un proceso de participación para recoller propostas de dinamización.

Tamén se teñen en conta as carecterísticas espedíficas de cada sector, polo que se propoñen directrices concretas para cada un deles. Así, na hostelería ou no comercio recórdase a importancia de empregar o galego como lingua vehicular con clientes, deseñar os materiais de uso do consumidor en galego ou da creación de grupos de bares e restaurantes que usan o galego.En alimentación, apostar por etiquetar en galego ou editar un catálogo plurilingüe de produtos. O plan chega tamén á banca, na que quere difundir, entre outras cousas, carteis en galego para as sucursais.

O Plan conta cun proceso de seguimento, control e avaliación que está en mans dunha comisión formada por representantes da Xunta, empresas, sectores e entidades relacionadas coa lingua, elixidos pola SXPL.