"Augasquentes" é o título da nova serie da Televisión de Galicia (TVG), unha serie de humor que será unha das novas apostas de ficción da canle autonómica de cara á próxima temporada e estrearase o vindeiro outono.

Para ir quentando motores, a canle presenta o videoclip da canción central da serie, "As feridas da alma", composto por Manu Riveiro e versionado pola famosa Orquestra Panorama coa participación de algúns dos actores da serie: María Vázquez, Antonio Duran "Morris," David Amor, Isabel Risco e Marcos Pereiro. O videoclip gravouse en O Grove.

A primeira temporada da serie "Augasquentes", de 15 capítulos, comeza co regreso á aldea de Ana Ledo (María Vázquez), unha reputada xuíza que se atopa no medio dunha crise profesional. Nesta volta, despois de 20 anos, Ana acepta unha praza de xuíza na pequena localidade que a viu nacer, Augasquentes. Pese ás súas dúbidas, decide vivir na vila e trasladarse á vella casa familiar. Axiña a vida na cidade, á que ela e os seus fillos están acostumados, entra nun divertido conflito cos novos costumes aos que deben habituarse, o novo ritmo e, sobre todo, os seus novos (e non tan novos) veciños.

O humor impregna a serie, que xoga coas bazas da adaptación dunha familia da cidade a unha pequena vila, con casos xurídicos de toda índole e con personaxes extremos e sorprendentes. A gravación de "Augasquentes", unha produción de Ficción Produciones dirixida por Jorge Cassinello e Alfonso Zarauza, levouse a cabo, entre outras localizacións, na vila termal de Cuntis e no pazo Cibrán de Vedra. O resto do elenco está composto tamén por Miguel de Lira ("Mareas Vivas" e "Hospital Real"), Ana Turpin ("Hotel Almirante"), Ricardo de Barreiro ("Matalobos" e "Luci"), Sheyla Fariña ("Serramoura") e Patricia Vázquez ("Padre Casares" e "Era Visto!"), entre outros.