O programa da Televisión de Galicia "Larpeiros" comezará hoxe (22.05 horas), coma sempre, cunha animada conversa, nesta ocasión sobre as comidas ao aire libre e como prestan no verán, unha estación excelente para gozar da contorna.

En Galicia, inventouse un dos pratos para comer fóra da casa e coas mans: a empanada. De carne, de xoubas, de bonito, de bacallau, de zamburiñas ou de congro, hai sabores para todos os gustos. Pero, ademais, tamén hai outros moitos pratos perfectos para gozar ao aire libre, coma o popular polbo á feira, as sardiñas asadas, típicas do San Xoán, e, por suposto, o churrasco, unha comida habitual nos encontros estivais con amigos.

Ao falar de churrasco, ao cociñeiro convidado Carlos Parra ocorreráselle unha idea para xantar. Coa axuda de Lola, vai preparar un prato de altura para comer ao aire libre: churrasco ao forno e arroz con pementos.