A Xunta de Galicia presentou onte o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico para o período comprendido entre os anos 2016 e 2020. O Goberno apuntou que o galego "debe dotarse da consideración social necesaria para ser tamén a lingua da economía, da industria e do comercio, dos contratos e os negocios na comunidade autónoma de Galicia e mesmo máis alá dos seus límites administrativos". Por este motivo, comprométese á creación de maiores oportunidades económicas e a velar pola viabilidade do noso idioma.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, é o órgano impulsor deste plan, o que non significa que sexa o único ente implicado na súa aplicación, posto que todas as consellerías colaborarán para conseguir o seu éxito. Trátase, pois, dun proxecto unitario da Xunta no que todo o Goberno galego estará implicado.

O proxecto púxose en marcha en 2015, ano no que se iniciou unha campaña de difusión do plan para presentárllelo ás principais organizacións interesadas, públicas e privadas, vinculadas ao mundo empresarial e tamén ás que traballan a prol do fomento da lingua galega. Polo tanto, aínda que se trata dun proxecto que parte da Administración Autonómica, busca a transversalidade e a implicación de toda a sociedade, principalmente do sector económico e empresarial, pero tamén das entidades locais e das que traballan a favor da lingua galega.

O Plan de dinamización inclúe un total de 81 medidas que tratan de fomentar a lingua galega a través da implicación doutros, de todos os actores relacionados cos diferentes sectores empresariais, e conta cun orzamento total de 5.187.327 euros. Á SXPL correspóndenlle 1.907.215 euros e a outros organismos 3.280.112 euros.

Oito das áreas de actuación do plan correspóndense con sectores empresariais concretos: hostalería, comercio, alimentación, TIC, construción e inmobles, banca, asesoramento e intermediación e publicidade. Ademais destes sectores, consideráronse outras dúas áreas que xa recollía o PXNLG: as cooperativas e o ámbito das relacións laborais. Tamén están previstas unha serie de actuacións xerais para o conxunto das empresas ou que se poden aplicar en calquera sector de actividade de xeito transversal.

Como detallan desde a Xunta, iniciativa ten tres obxectivos estratéxicos principais. "Crear conciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais e as relacións laborais, comerciais e bancarias. Estender o uso da lingua galega no ámbito económico nas relacións laborais, comerciais e empresariais, tanto na oferta como na demanda de produtos e servizos. E utilizar o galego para impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galicia e os seus produtos que estea vinculada á calidade e á innovación e que lles transmita confianza ás persoas consumidoras e ao empresariado".

A organización do seguimento, o control e a avaliación do Plan de Dinamización realizaranse mediante unha comisión de seguimento (que inclúe representantes da Xunta, empresas, sectores e entidades relacionadas coa lingua, elixidos pola SXPL), un informe de seguimento e unha memoria anual. Ademais, periodicamente, convocaranse reunións de seguimento e levaranse a cabo actividades de comunicación e difusión da execución do Plan ata o ano 2020.