As tres redes de espectáculos da Agadic programarán durante o segundo semestre do ano un total de 413 funcións escénicas e concertos que se distribuirán en 88 espazos de toda a Comunidade.

As redes -teatros e auditorios, de Música ao Vivo e de Salas- presentarán as últimas propostas de 150 formacións escénicas e musicais, galegas na súa maior parte, ata completar 413 funcións de teatro, danza, música, maxia e circo. Esta nova oferta eleva a máis de 900 as actuacións que terán lugar durante todo o ano ao amparo destes circuítos, o obxectivo dos cales é servir de canle estable para o encontro entre o público e a nova produción escénica e musical galega.

Así, a Rede Galega de Teatros e Auditorios acollerá 236 representacións que terán lugar en 49 espazos de 38 localidades. Un total de 94 formacións artísticas participarán nesta programación. En canto á Rede Galega de Música ao Vivo, esta nova carteleira reúne a 33 grupos musicais, dúas formacións de maxia, dous de artes escénicas e unha de novo circo para propoñer 113 citas ata decembro. Finalmente, a Rede Galega de Salas programará 64 funcións a cargo de 28 compañías que conforman un catálogo multidisciplinar no que destacan as propostas infantís.