"Nun momento no que as bandeiras, a egalitè libertè fraternitè, as nacións e os estados se usan adoito para calquera cousa menos para acabar co patriarcado, nosoutras, coma ela, facemos do noso cu un pandeiro e subvertemos o aberrante je suis pola causa das mulleres. Porque se temos que ser alguén, seremos María Xosé Queizán ou non seremos ninguén".

A plataforma de crítica literaria A Sega celebrou onte en Vigo o seu terceiro Día das Galegas nas Letras que adicou á escritora e activista viguesa María Xosé Queizán cun acto no parque da cidade que leva o seu nome coa lectura dun manifesto no que se reivindicou a súa figura e a importancia que tiveron os seus textos para mudar o paradigma das mulleres na cultura galega contemporánea.

"Este é un día feliz, estou moi contenta porque sempre que son as mulleres as que se acordan dunha te reconforta. Son unha galega das letras entre moitas e aínda estamos empezando, as galegas das letras somos novísimas porque en tempos pasados as mulleres estivemos excluidas da cultura", afirmou Queizán, acompañada de decenas de representantes da cultura galega que participaron no micro aberto coa lectura de textos da autora.

Unxía Blanco, concelleira de Cultura do Concello de Vigo, quixo reivindicar o libro "Recuperemos as mans" de Queizán e aproveitou a ocasión para agradecerlle á escritora as súas verbas antes de ler un poema de "Non o abras como unha flor". Pola súa parte, Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación de A Coruña, lembrou a primeira vez que escoitou falar de feminismo a Queizán nos seus primeiros anos de facultade. "Escoitándoa descubrimos que había outro mundo", afirmou para a continuación ler uns versos do poemario "Metáfora da metáfora", do cal dixo que dera lugar "á renovación da poesía galega nos anos noventa".

A asociciacón Nós Mesmas de Vigo tamén participou no micro aberto coa lectura do poemario "Lesbiar", que Queizán lles cedeu para que o editasen elas.

Tras un xantar popular no parque que leva o nome da escritora viguesa gracias a Asociación de Escritores en Lingua Galega, os asistentes puideron disfrutar de Mercedes Peón, Cintaadhesiva, Sofía Espiñeira, Silvia Penas, Ai-el-ela Pandereteiras, Rianxeiras da Covecha e o espectáculo infantil da cooperativa Educultoras. Un día de festa cun único obxectivo, según sinalaron dende A Sega, "que María Xosé o pase moi ben".

Queizán, presidenta da FIGA (Feministas Independentes Galegas) asegurou que as mulleres xa teñen "a batalla gañada dende que hai ensino público obrigatorio". "En menos de cincuenta anos a maioría das universitarias son mulleres, imaxina se isto houbeura sido así dende o principio no mundo e non houbera misoxinia... Non hai volta atrás", subliñou.

A Sega celebra este Día das Galegas nas Letras dende o ano 2014, cando a protagonista foi Dorothé Schubart, e en extensión toda a tradición musical galega transmitida polas mulleres. O ano pasado o día adicouse a María Victoria Moreno, tamén coa intención de visibilizar a literatura infantil e xuvenil en galego. "En tres anos xa conseguimos homenaxear ao mesmo número de autoras que o Día das Letras Galegas", destacaron as organizadoras con ironía.