O programa "Ribeiras de Salitre", da Televisión de Galicia, mostra esta tarde os segredos da vida mariñeira no porto de Canido, recollendo as testemuñas dalgunhas persoas que dedican a súa vida ao mar. A emisión comenzará ás 20.20 horas.

Os protagonistas falarán da súa paixón polo mar. A primeira será Rosa Marina Rivas, mariscadora xa retirada que tomou contacto co mar dende moi pequena, pois con sete anos xa manexaba unha gamela.

José María Prado contará o apaxoinante que resulta a pesca da robaliza, unha arte de alto risco.

A seguinte será Celia Prado, quen leva toda a vida cociñando para os mariñeiros do porto que acoden ao seu restaurante.

A tradición pesqueira entrelázarase coa musical grazas ás pezas do grupo Zurrumalla.

Julio Alonso naceu no propio mar ao ser fillo de mariñeiro, e foi Patrón Maior da Confraría de Vigo. Hoxe traballa a nasa do polbo nunha ría, a de Vigo, que é sen dubida o seu verdadeiro fogar.

Lidia García garda a memoria dun tempo de esplendor na industria conserveira. Foi traballadora da conserva nas décadas dos anos 50, 60 e 70. Un tempo de traballo duro na ribeira de Canido, pero que ela lembra con moita alegría e transmite as súas lembranzas con moita simpatía. E a pesar dos anos poder contar á perfección como era o proceso completo que se desenvolvía nas fabricas de conserva.

O patrón maior de Vigo, Misael García, falará con optimismo do futuro do porto de Canido. Un porto que pasou por tempos de certo declive pero hoxe volve a estar en auxe,cunha actividade que está sementando un futuro moi esperanzador para este porto vigués. Misael García falará ademais do seu propio traballo como mergullador collendo navallas e anémonas.