O equipo técnico e artístico do Centro Dramático Galego (CDG) inicia os ensaios da obra "Tartufo" coa que abrirá a súa temporada 2016/2017 o vindeiro 23 de setembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

Esta obra, baixo a dirección artística de Carles Alfaro, fundador da compañía Moma Teatre e director de pezas no Centro Dramático Nacional e para a Compañía Nacional de Teatro Clásico, conta coa canguesa Vanesa Sotelo como axudante de direcció.

Con esta adaptación de Molière o CDG incorpora ao seu repertorio outro dos grandes clásicos da dramaturxia universal. Trátase dunha comedia de enredos que, pese á súa aparente lixeireza, posibilita unha segunda lectura sobre o peso das aparencias e o risco de confundir hipocrisía con honestidade.

Esta peza constitue o principal atractivo da temporada en canto á produccións propias do Centro. Nela traballan xa os 10 actores e actrices elixidos tras a convocatoria dun proceso público de selección no que participaron máis de 230 candidatos. Neste elenco figuran tanto novos talentos como nomes moi coñecidos: Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Forneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Sáa e Patricia Torres.

"Tartufo" poderá verse ata o 16 de outubro no Salón Teatro, o espazo de representación principal do CDG,antes de iniciar unha xira que se estenderá ata finais de ano.