O festival Espazos Sonoros 2016 celebra do 3 de setembro ao 18 de outubro a súa novena edición cun programa de nove concertos en espazos singulares do patrimonio galego. A música, a arquitectura e a paisaxe volven ser os protagonistas deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación e que este ano propón un achegamento a edificacións históricas dos concellos de Vimianzo, de Ribadavia, A Guarda, Pedrafita do Cebreiro, Lalín, Monterrei, Bergondo, Palas de Rei, A Coruña e Baiona a través dunha programación musical que inclúe andainas, visitas guiadas e obradoiros.

A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei; o castelo de Santa Cruz, na Guarda; o pazo de Liñares, en Lalín; Santa María a Real do Cebreiro e o castelo de Monterrei son algúns dos espazos patrimoniais, civís e relixiosos nos que se poderán escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o Ensemble Gilles Binchois, Le Miroir de Musique, La Xácara, Tres Pesos, Solo Voces con Adrián Regueiro na rolda pola paisaxe dos órganos históricos ou a pianista Paula Ríos.

"Con esta iniciativa -explicou Anxo Lorenzo- pretendemos unir dous aspectos fundamentais no traballo do noso departamento: a aposta por crear espazos para 'esas outras músicas' con menor presenza, pero de alta calidade, e a difusión do patrimonio cultural, aínda ás veces enormemente descoñecido pola poboación". Segundo precisou, "o feito de coñecelo nunha experiencia próxima a través da música parécenos unha forma moi axeitada de crear vínculos emocionais con ese espazo patrimonial e unha maneira de vivilo con intensidade".

Son numerosos os seguidores e as seguidoras de Espazos Sonoros que, ano tras ano, percorren o territorio galego á descuberta do patrimonio, nunha programación que contará con espectáculos únicos, como o concerto que ofrecerá o Ensemble Gilles Binchois na igrexa de Santa María de Baiona o 8 de outubro. Este grupo interpretará por primeira vez en Galicia un dos monumentos da historia da música, a 'Misa de Nosa Señora', unha peza do século XIV composta por Guillaume de Machaut para a catedral de Notre-Dame de Reims, en Francia

O concerto inaugural, o 3 de setembro, propón unha primeira andaina pola contorna da igrexa de Santiago de Cereixo, en Vimianzo. O día 10 dese mesmo mes, previamente ao concerto de Tres Pesos, o ciclo bota a andar polo roteiro fluvial de Ribadavia a Francelos.

A música galega tamén dialoga coa portuguesa no festival, da man de Ariel Ninas e César Prata. O dúo presenta o 11 de setembro, no castelo de Santa Cruz da Guarda, unha proposta arredor dun personaxe singular na cultura musical universal, a persoa invidente que canta e fai música, e o seu repertorio recollido en ambas as beiras do Miño. A clausura, o 18 de outubro, abordará a recuperación da figura e da obra da pianista e compositora Rosa García Ascot, cun concerto de Paula Ríos na sede da Academia de Belas Artes na Coruña. O obradoiro 'Retratos sonoros. O son da pintura', convida, o 1 de outubro no pazo de Liñares, en Lalín, a unha viaxe polas artes plásticas para rescatar os sons ocultos nelas.