O conselleiro presentou onte en Santiago o novo programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, "Galicia Culturea", unha iniciativa que durante xullo, agosto e setembro ofrecerá ao longo do territorio galego unha completa oferta cultural e de ocio pensada para todos os públicos. Esta programación porá en valor, para que cheguen ao maior público posible, as actividades organizadas e promovidas pola Consellería durante este período estival e terá presenza, segundo explicou Román Rodríguez, "en máis da metade dos concellos de Galicia", en concreto, nun total de 166 localidades das catro provincias e inclúe "preto de 600 actividades culturais e propostas de dinamización lingüística de rúa." A día de hoxe están pechadas un total de 589 actividades.

Na presentación, actuaron o grupo de música tradicional da Agadic, mais o mago Dani García, e o cantautor galego Manoele de Felisa. Participaron nela o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e os músicos de Hércules Brass Esteban Méndez e Víctor Vilariño.

A programación inclúe todo tipo de propostas e actividades culturais. Desde a dinamización da lectura ou a dinamización lingüística de rúa, á música, ao teatro, á danza, ao novo circo, á maxia ou ao cine, pasando por obradoiros, visitas guiadas a mostras temporais, así como distintas actividades formativas e de fomento do talento da nosa mocidade. En palabras do conselleiro esta programación "está concibida cunha visión participativa, na que a xente sexa actor e protagonista e non soamente suxeito paciente da programación."

"Queremos -afirmou o conselleiro- visibilizar e achegar os distintos públicos aos creadores e artistas galegos, que se coñezan máis e mellor os excelentes froitos que hoxe en día dá a nosa cultura, promovendo ademais en todos os ámbitos, pero sobre todo entre os máis novos, o galego".

Entre as iniciativas que se estrean este verán cómpre salientar, por ir dirixida ao público infantil, un dos que máis goza das actividades realizadas no Gaiás, "Deseños minúsculos, valores maiúsculos", catro obradoiros cos que se busca potenciar a curiosidade dos nenos polo deseño, e estimular o seu talento creativo e as súas aptitudes artísticas da man de destacados profesionais da ilustración, da artesanía, da moda ou do deseño.

"Galicia Culturea" ten tamén un programa de concertos en 28 concellos. Ademáis, desenvolveranse novas programacións para fomentar a relación dos máis novos coa música, tales como un campamento musical en Agolada; ou un conxunto de programacións formativas, fundamentalmente enfocadas a novos intérpretes, para favorecer espazos nos que poidan completar a súa aprendizaxe con experiencias de conxunto e de contacto con profesionais, tanto galegos como de outras procedencias. Alén disto, o programa impulsado pola Consellería para a Rede de Dinamización Lingüística continúa no verán, centrado en 3 novas propostas deseñadas de forma específica para "Galicia Culturea".