Moito se falou, escribiu e filmou sobre o Camiño de Santiago e os seus distintos percorridos, pero a Televisión de Galicia fará a semana que vén unha innovadora achega neste sentido, xa que o vindeiro martes estréase na canle pública un docu-show sobre o "Camiño Portugués de Santiago". Esta produción non é un documental tradicional, senón que se trata dunha docu-ficción, cun ton de comedia, que ten como obxectivo principal a promoción cultural e turística do Camiño, pero facéndoo dun xeito atractivo e dinámico, a través dunha historia de ficción de odio-amor entre un home e unha muller. Emulando as trece etapas máis sonadas do Camiño Portugués, os dous aventureiros percorrerán durante 13 episodios as vilas e cidades que separan a cidade lusa de O Porto de Santiago. A espectacularidade das imaxes acompañará esta parella, que está condenada a entenderse ata chegar á capital galega.

De entre todos os camiños que chegan a Santiago, o Camiño Portugués pola costa é o máis descoñecido de todos. Esta xoia agochada que comeza no país veciño percorre os areais e vilas de costa máis fermosas dos dous países, ofrecendo unhas vistas espectaculares e presentando monumentos históricos de grande importancia a cada paso. Ademais, os camiños portugueses a Santiago -tres deles son neste momento candidatos a patrimonio cultural da Unesco- engaden o atractivo de ser unha peregrinación internacional nun espazo e tempo moito menores que o Camiño Francés, por exemplo.

Esta aventura a través da cultura, gastronomía e historia de Portugal e Galicia comezará ás beiras do río Douro e pasará polas vilas máis representativas do norte de Portugal ata chegar a Caminha, cando as cámaras entrarán en Galicia para percorrer A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, e a ría de Vigo, con parada nas Illas Cíes e na propia cidade olívica.