Na ría de Ares, nun mar que chaman do Parrulo, atópase o porto de Pontedeume. Nel traballan 65 homes e mulleres, entre mariscadores e mariñeiros. Os mariscadores andan á ameixa e o berberecho. E os mariñeiros traballan o cerco e principalmente as nasas do polbo, nécora e camarón. O equipo de "Ribeiras de Salitre" adica a edición de hoxe a este enclave.

Unha das protagonistas é Laura Carreño, unha muller que naceu entre peixe, porque a súa avoa xa era peixeira, e tamén a súa nai. Outro convidado, inda que xa retirado do mar, é LoloPlacer, que andou toda vida no mar. El é un gran construtor de maquetas de barcos..

Neste porto, ademais, resoa a música das rapazas de Faltriqueira, un dos grupos destacados da musica galega. Un grupo que está a recuperar toda unha tradición de música tradicional cun estilo moi festivo e desenfado. Un verdadeiro encanto de mulleres que cativa, e que ademais, dúas das súas compoñentes, Ana e María tamén se animaron a cociñarnos unha robaliza. E abofé que cantar cantan ben e cociñar tamén se lles da moi ben.

Javi Seijo é un mariñeiro novo pero que xa coñece os segredos do mar do Parrulo, así denominase a zona da ría de Ares que baña a ribeira de Pontedeume. Con Javi saímos a navegar, para coñecer a ría e conversar sobre o xeito particular que ten el de traballar este mar.

E non podiamos deixar de visitar a un vello lobo de mar, Antonio Fernández, que coñece o mar dende oficios moi diferentes, andou ao marisqueo e á pesca en Pontedeume, e traballou tamén de bombeiro en buque petrolíferos. Nun deles o "Bonifaz" tivo unha moi mala experiencia, porque o barco ardeu fronte ao cabo de Fisterra.

A pesca do cerco é a que máis se practica en Pontedeume. O patrón Maior Manolo Puentes, dedícase ao cerco, e con el tamén imos saír ao mar.

Ademais de Rivadulla Corcón, o presentador, traballan neste proxecto Noelia López, Sika Lamas, Alba Sotelo e Noel Queipo, ademais de Jaime Fernández, Diego Beltrán, Sara Allú, Oscar Galansky, David Ramos eYago Torres.