"Naufragar sendo moi novos" é o novo capítulo da serie "Náufragos", producida por Celta e dirixida por Rivadulla Corcón, que se emite hoxe as doce da noite pola Televisión de Galicia.

Esta noite, a serie trasládase ata Malpica para contar a historia dos "Tonechos", unha embarcación que fora construída tan só seis meses antes de que os seus nove tripulantes faleceran nela. E ata Cangas do Morrazo, onde recordará aos mariñeiros do pesqueiro "Nuevo Viví", que foi abordado pola barca "Julio Vieira" preto da punta de Subrido. Un suceso ao que sobreviviron só dez dos seus dezasete tripulantes.

As protagonistas en Malpica son todas mulleres: Estrella Rodríguez, muller do patrón Antonio Alfeiran dos "Tonechos" e nai do mariñeiro, tamén de nome Antoni Alfeiran. Sonia Varela, muller do mariñeiro dos "Tonechos" Antonio Vila. E María José Varela, filla do maquinista dos "Tonechos" Modesto Varela. O cerqueiro "Os Tonechos" atopábase o cinco de outubro de 1991 faenando fronte á praia de Baldaio, cando abriuse unha vía de auga que provocou o seu afundimento. Os nove homes perderon a vida, atopándose tan só un corpo, o do maquinista Modesto Varela.

Evaristo Díaz, que con 15 anos foi supervivente do naufraxio do "Nuevo Viví", será o protagonista en Cangas. Deste porto saiu o pesqueiro, que fora construído facía tan só catro meses, o 13 de febrerio de 1962, dedicándose á arte da ardora. Ese día foi largar as redes fronte á punta de Subrido. E foi abordado polo bou de Vigo "Julio Vieira" botándoo a pique. Levaba dezasete tripulantes e sete deles morreron. Unha semana máis tarde a embarcación foi reflotada. Este afundimento tivo moita transcendencia no porto de Cangas porque foron moitas as familias afectadas. Os veciños implicáronse organizando un sistema veciñal de axuda económica.