A Asociación Galega de Productores Independentes sumouse á declaración conxunta das Asociacións de actores e actrices, a de guionistas, de directores e realizadores, o Observatorio Audiovisual de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual sobre o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), xa que consideran que a súa supervivencia está ameazada.

"Da conservación do noso patrimonio audiovisual, que é un traballo dunha grande esixencia técnica, se non se ocupa o CGAI, quen se vai ocupar?", din no comunicado conxunto.

"A posibilidade, formulada ultimamente, de que o CGAI vexa aínda máis reducido o seu persoal conforma unha seria advertencia. Corremos o risco de desatender a tarefa de restaurar, conservar, catalogar e manter como ben público a memoria visual -sempre fráxil- deste país. E iso é grave. Sen memoria, apenas somos nada", aperciben estas agrupacións, que de seguido sinalan que "de hai 25 anos para aquí, a produción audiovisual en Galicia multiplicouse notablemente. A irrupción da tecnoloxía dixital, máis que facilitar o traballo, significou un reto formidable para os arquivos audiovisuais".

"É dicir, o terreo sobre o que un organismo tan modesto coma o CGAI debe traballar expandiuse a eito nos últimos anos. É coma se alguén con poder decisorio considerase menor ou superfluo o traballo dunha filmoteca. Un erro fatal, froito ou da ignorancia ou da falta de autoestima. Reverter esa tendencia, manter e facer medrar os recursos do CGAI deberan ser unha prioridade cultural deste país", reivindica este colectivo.