A serie "Ribeiras de Salitre", que percorre Galicia dando a coñecer aos traballadores e ás traballadoras do noso mar, tanto os que saen navegar coma os que quedan no porto, volve este mediodía á Televisión de Galicia (TVG), ás 15.30 horas, da man de Xosé Henrique Rivadulla Corcón e o seu equipo.

No episodio número 13 céntranse no porto de Muros, considerado un dos máis antigos de Galicia. Ao seu peirao chegan principalmente xurelo, xarda, polbo, carioca, berberecho e ameixa, ademáis de contar cun importante polígono bateeiro, e unha considerable flota de arrastre. 240 persoas forman a súa Cofradía.

Ao polbo dedícase Tono León , que traballa fronte a monte Louro. Un dos monte mariños máis simbólicos de Galicia. Tono ten pouco máis de trinta anos e é o patrón da súa embarcación onde traballan catro mariñeiros máis. A súa perspectiva de vida é a de dedicarse sempre ao mar.

Na serie, de Produccións Celta, falarán cun mariñeiro con moita experiencia, Manuel Caamaño, que foi patrón de arrastreiros. Agora está retirado, o mar foi toda a súa vida, foi moito máis que un traballo, un modo de entender a vida. Hoxe é un referente no mundo do mar de Muros, un patrón con prestixio entre os patróns, os mariñeiros e toda a xente de Muros.

Socorro Leal, muller do mar e poeta vai ser a encargada de cociñar xarda con cachelos e ademáis de cociñar para a audiencia da TVG, vai recitarnos un poema, que fala da xente do mar de Muros.

A música e o baile póñeno os compoñentes de Ximiela, un grupo tradicional da parroquia de Louro. Visten o traxe tradicional de Muros, que é todo negro, pero moi rico en bordados. O motivo desta cor é polas moitas viúvas do mar que houbo sempre nesta zona.

De Lola da Jocha din que é a muller máis traballadora de Muros. Unha muller moi popular na súa vila. No mar traballou embarcada e no marisqueo, e hoxe traballa nas bateas, e afirma que este, o das bateas, é o traballo que máis lle gusta. Muros é un porto no que se da moita importancia ás embarcacións tradicionais, das que falarán cos expertos na materia Manuel Sendón e Manuel Brea.