"Non son escritor. Esta é a primeira cousa que escribo e xurdiu a raíz do nacemento do meu fillo maior con síndrome de Down. Para nós, foi un impacto. De entrada, todo o mundo dicía que ía ser un problema, pero nas primeiras semanas e meses decátaste de que o problema non está no neno senón na sociedade que ten que deixar encaixar a todas as persoas con discapacidade. Nesa sensación de impotencia, foise enchendo de pus, de moita carraxe e de moita anguria a tripa. A escrita era unha forma de sacar iso fóra e de sanar feridas. Comunicar é unha forma de sanar". Deste xeito tan emocional e visceral, explicaba onte o médico e pai de familia Manuel Esteban Domínguez o que lle motivou a escribir A ira dos mansos, o libro que se fixo co Premio Xerais de Novela 2016.

-Por que, para esa necesidade terapéutica, escolle o xénero da novela negra?

-Quería contar cousas concretas, como a sociedade acolle as persoas con diversidad funcional ou discapacidade intelectua desde a hipocresía, desde proposicións morais que me parecían inxustas. Para poder facer un bo contraste, amosar eses recovecos morais, non me resultaba útil contar unha historia costumbrista. Relatar unha novela negra serviu para resaltar o contraste da cuestión moral e social.

-A narración sitúase principalmente en Vigo, aparecendo un cadáver no edificio Bandeira, nas anteriores ruínas do Calvario previas ó centro comercial actual.

-Vigo é una ferramenta. O máis doado é acudir ós meus paisaxes cotidiás. A miña asociación de síndrome de Down está preto desde edificio. O libro tamén transcorre no porto, Nigrán, As Neves.

-Como é o protagonista?

-Carlos Manso é un inspector de policía. É un trasunto de min mesmo; arranca a novela cunha personalidade cínica, de volta de case todo para facer unha viaxe interior a medida que vai atopando a persoas que interveñen na trama. El representa á sociedade cínica ata que se transforma noutra persoa, transformación que me gustaría ver na sociedade.