-Antes do Verne, vostede quedara finalista dun certame de relatos sobre Inmigración do Concello de Nigrán, que lle aporta este galardón?

-Para min, presentarme ó Verne era como buscar confirmación de que o que estaba facendo o estaba facendo ben. Escribía con inseguridade; non sabía se as miñas historias podían chegar a alguén.

-Naceu Xa non estou aquí do imaxinario, dalgún nova nun xornal...?

-Era unha idea de hai moitos anos, de cando desapareceu unha rapaza da miña vila. Ese tema sempre me tocou moito, impactárame que pasara tan preto da casa. Pasaron os anos e quedou a idea no tinteiro. Hai tres anos, conseguín dar a voz que quería. Levo máis de dous anos traballado no texto.

-No libro, fala da necesidade de pertenza a un grupo cando se é adolescente. É perigoso que por conseguir ese sentimento de pertenza se fagan cousas de risco?

-Creo que en gran medida, se unha rapaza ou rapaz non ten unha base sólida familiar, unha rede moi establecida, corre o perigo de chegar a un punto extremo por pertencer a un lugar, a un grupo.

-No seu Twitter, preséntase cunha frase: I´m rooted but I flow. Estou enraizada pero voo.

-É unha cita de Virginia Woolf. Paréceme que describe o tipo de persoa que son, con miras abertas ó mundo. Estudei fóra, andei polo mundo pero a miña casa está aquí e sempre quero volver á miña terra.

-Por que escribe, que atopa nese exercicio de creación?

-Difícil pregunta. É un xeito de organizar a vida, as horas, para sacar de dentro ideas que teño e que me gustaría compartir cos demais.