Un total de 16 embarcacións e 93 mariñeiros e mariscadoras están rexistrados na confraría de Sada. Porto desde o que xa se botaban ao mar mariñeiros das tribos ártabras antes da chegada dos romanos ao noroeste peninsular, hoxe os profesionais da zona dedícanse a artes coma o cerco, as nasas, as betas ou o racú. O programa da Televisión de Galicia (TVG) Ribeiras de Salitre recupera hoxe a memoria dun porto de longa tradición e achégase o seu día a día.

O espazo que conduce X. H. Rivadulla Corcón entrevistará a Andrés López, que representa a moitos dos mariñeiros locais e co que o presentador sairá a recoller camaróns coas nasas. Tamén estará con Tania Rodríguez, peixeira alegre, que prefire o produto autóctono e á que lle gusta recomendar receitas ás súas clientas.

O prato a degustar nesta entrega de Ribeiras de Salitre será a centola, que preparará de xeito moi especial Fernando Ucha, quen tamén falará do modo tradicional de cocela e de como elaborala co seu propio caldo e máis touciño. Mariscador de profesión, aproveitará para falar do oficio mentres cociña.

O mar é o tema principal das pezas da cantora Cristina Fernández, tema que coñece ben, xa que o seu home, Manolo Presas, é o patrón do cerco. Cantará varias cancións nunha das tabernas máis representativas desde municipio das Rías Altas, O Canalla. O seu home, pola súa parte, falaralles aos espectadores do programa da súa vida de mariñeiro desde a ponte de goberno da súa embarcación.

Ademais, María Gómez impartirá unha clase maxistral de marisqueo, amosando como se traballa co sacho e máis co rastro, para dar logo paso ao futuro do porto.

Sada será a onceava parada desde programa que arrancou aló polo no mes de marzo no porto da Laxe. As suas cinco últimas emisión tiveron as Rías Baixas como protagonistas xa uqe se centraron nas vilas de Baiona, A Illa de Arousa, Bueu, O Grove e Cambados. Muxía, Rianxo, A Guarda e Cangas tamén pasaron polos obxectivos das súas cámaras. A vindeira parada desde programa será na terra coruñesa de Muros.