O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, afirmou que Manuel María "é un referente na promoción e a protección da lingua galega". Lorenzo subliña que o protagonista deste Día das Letras Galegas "sempre foi un defensor da lingua galega", unha faceta que se destacou durante todo este ano no que se sucederon os actos na súa honra.

"Pelexou e loitou pola normalización do idioma, pola súa extensión social, pola súa institucionalización e polo seu recoñecemento legal nas épocas en que non existía. Antes do Estatuto e da Lei de Normalización Lingüística", abunda. "Tiña -continúa- un discurso e unha actitude proactiva nese sentido. É un referente en todo o que ten que ver coa protección e a promoción do galego", engade.

O responsable de Cultura da Xunta sostén que "non é casualidade que a Real Academia Galega lle adique o Día das Letras Galegas". "O que nos permite esa celebración é o que ocorre, que estamos a descubrir, e redescubriendo nalgún caso, a un autor fundamental da literatura galega da segunda parte do século XX", argumenta.

Trátase dunha persoa que tivo a maior parte da súa obra dedicada á poesía, foi e é unha das grandes referencias da poesía galega", sobre todo da "poesía social". "Ademáis, foi tamén outras moitas cousas. Tivo unha producción dramatúrxica importante, unha producción ensaística tamén, e unha producción enorme no ámbito xornalístico. Iso deulle moita profundidade á súa obra", declara.

Non só traballou nestes ámbitos, senón que Lorenzo destaca que "foi un xestor cultural, unha persoa implicada no ámbito cultural" porque "foi libreiro, foi editor e foi quen comezou de múltiples iniciativas de todo tipo".