A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a práctica totalidade dos concellos de Pontevedra -salvo Pontevedra e Vigo, que contan con plans específicos- veñen de aliarse co fin de mellorar e modernizar un total de 116 centros educativos da provincia. As actuacións previstas beneficiarán a máis de 25.000 alumnos e alumnas pontevedreses, que estudan en 103 CEIP (centro de educación infantil e primaria) e 13 CPI (centro público integrado).

En concreto, esta ampla colaboración institucional susténtase en 60 protocolos e 2 convenios con 60 municipios, que forona asinados por representantes de todos os concellos implicados e o conselleiro Román Rodríguez. As actuacións supoñen melloras en máis da metade dos CEIPs públicos da provincia, así como en máis da metade dos CPI, co fin de mellorar o seu estado e garantir a súa conservación futura.

O investimento Consellería elévase a case 3 millóns de euros (2.962.761 euros), que supoñen un incremo en 2 millóns con respecto ao ano anterior. Pola súa banda, o investimento concellos é de 1,7 millóns de euros. Polo tanto, o orzamento suma un total de 4,7 millóns, dos que a Xunta faise cargo do 63% de investimento.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia -que estivo acompañado polo delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís- puxo en valor esta colaboración interadministrativa e esforzo conxunto que, sempre desde "a lealdade institucional e o respecto á autonomía local", permite garantir unha correcta eficiencia na xestión dos recursos públicos e dotar á veciñanza de mellores infraestruturas educativas.

A maior parte dos fondos da Consellería están vinculados a obras de reforma, ampliación e mellora, entre as que se inclúen tres actuacións enmarcadas dentro do Plan de eficiencia enerxética, funcional, integración e sinaléctica para este 2016. Estas accións levaranse a cabo no CEIP San Roque de Darbo de Cangas, no CEIP de Chancelas de Poio e no CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces.

Por outro lado, e a maiores dos 60 protocolos, coas localidades de Vilagarcía e A Guarda asináronse tamén senllos convenios de colaboración, a través dos cales Consellería e Concello asumen, cada unha, o 50% do custe da actuación. En concreto, no CEIP de Rubiáns de Vilagarcía acometerase a reforma do ximnasio, mentres que no CEIP As Solanas da Guarda procederase a mellorar o pavillón anexo ao ximnasio.

Investimento maior

Entre os orzamentos máis destacados atópanse Poio, con 559.000 euros; Vila de Cruces, con 549.000 euros; Cangas, con 545.725 euros; Vilagarcía de Arousa, con 320.500 euros e Ponteareas, con 281.000 euros; aínda que doce concellos recibirán un montante de máis de de 100.000 euros para efectuar as melloras.

Búscase planificar as diferentes actuacións orientadas a mellorar e modernizar os centros públicos. Ademais, tamén se impulsan as actuacións de mellora nas instalacións deportivas anexas aos centros educativos, non só para satisfacer as necesidades do alumnado, senón tamén para abrilas á práctica deportiva de toda a poboación.