O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou o mercores o II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos: Renovación académica, comunicación artística e innovación social, que organiza a Universidade de Michigan-Ann Arbor coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura. O encontro congrega ata hoxe preto de 200 galicianistas, na súa meirande parte profesores e investigadores que traballan arredor dos estudos galegos en universidades americanas e doutros países de fala anglófona.

"A incorporación do noso idioma propio á Modern Language Association (Asociación de Linguas Modernas, MLA) e o pulo dos estudos de lingua e cultura galegas nos Estados Unidos son dúas das mellores mostras do avance e da busca da modernidade desde o galego", destacou o secretario xeral durante a súa intervención, na que tamén puxo de relevo que "resultan fundamentais para reforzar a nosa autoestima colectiva e para profundar no coñecemento de nós mesmos e do noso pasado, presente e futuro as contribucións aos estudos galegos que se fan desde outras culturas".

Acompañaron a García Gómez no acto de apertura Cristina Moreiras-Menor, profesora da universidade coordinadora do simposio, e Gabriel Rei-Doval, profesor da Universidade de Wisconsin-Milwaukee, ambos os dous, membros do comité organizador.

A Universidade de Michigan-Ann Arbor acolleu este simposio que lle dá continuidade ao primeiro celebrado na Universidade de Wisconsin-Milwaukee en maio de 2014, impulsado polo Grupo de Investigación de Estudos Galegos desta institución baixo a coordinación do profesor e sociolingüista galego Gabriel Rei-Doval.

O encontro, que amplía a súa duración con respecto ao primeiro atendendo á alta demanda de asistencia e propostas de presentación de comunicacións centradas nos estudos galegos no ámbito norteamericano, ten como obxectivo congregar o persoal investigador e docente que traballa no ámbito dos estudos galegos en universidades de EUA e doutros países de fala anglófona desde unha perspectiva multidisciplinar.

Reflexión sobre os estudos

O simposio propiciou un espazo para a reflexión sobre o estado dos estudos galegos na súa relación con disciplinas como a teoría cultural, a antropoloxía, o materialismo cultural e as política lingüísticas no contexto da realidade global actual, entroutras.

Así, este segundo encontro arredor dos estudos galegos constou de sesións libres de comunicacións, así como de mesas de debate e reflexión sobre aspectos diversos que centran o traballo neste ámbito, como a lingua, a literatura, as artes plásticas e visuais e, en xeral, calquera aspecto relacionado coa cultura e coa sociedade galegas.

Entre os relatores estiveron os escritores Suso de Toro, María Reimóndez, o xornalista e escritor Pemón Bouzas e os cineastas Lois Patiño e Eloy Enciso Cachafeiro.