Primeiro plan para dinamizar o uso do galego entre a mocidade

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, anunciou o proxecto no marco dos Encontros para a Normalización Lingüística

15.04.2016 | 02:36
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, xunto coa catedrática e académica da RAG, Rosario Álvarez, na presentación do plan. // FdV

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, anunciou que a Xunta de Galicia elaborará o primeiro plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade. Fíxoo no marco da inauguración dos XVIII Encontros para a Normalización Lingüística, que organiza o Consello da Cultura Galega e no que se dan cita desde onte e ata hoxe un cento de profesionais do ámbito da lingua.

"A Xunta de Galicia xa está traballando na elaboración do borrador inicial do texto que marcará a folla de ruta da promoción do uso do idioma na mocidade nos vindeiros anos", anunciou García Gómez, que detallou que o obxectivo do novo plan será "desenvolver as directrices emanadas do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG) a través de diferentes medidas que se poñerán en común cos principais axentes implicados para incidir efectivamente no incremento do uso social do galego e na súa visibilidade, tal e como establece o sector 2 do PXNLG".

O que será o primeiro plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade da Xunta de Galicia -cuxa elaboración coordinan a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado das consellerías de Cultura e Educación e Política Social, respectivamente- tomará como base as directrices establecidas no PXNLG.

Como obxectivos específicos a traballar destacan os de potenciar o uso do galego como lingua de relación na mocidade galega, reforzar o uso do idioma entre os galegofalantes e proporcionarlle modelos lingüísticos galegófonos de referencia aos mozos que falan castelán, así como potenciar unha oferta asociativa e de lecer en galego dirixida á mocidade e ampliar e consolidar a oferta de produtos en galego destinados ao público xuvenil.

O obxectivo común a todos eles pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego na área da mocidade, non só para incidir na dinamización do idioma propio de Galicia na xente nova, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade, tendo en conta o importante papel que xoga a xuventude no futuro e na pervivencia da lingua, así como na ampliación dos usos asociados a ela.

O PXNLG fai fincapé no sector social da mocidade e propón obxectivos e medidas dirixidas a impulsar o uso do idioma propio de Galicia na xente nova, para estimular na xuventude actitudes favorables que se traduzan nun uso xeralizado do galego, superando vellos prexuízos; fomentar todo tipo de creatividade de base en galego, como forma lúdica de galeguización e de creación de mercado cultural; e garantir que en galego haxa unha oferta ampla, diversificada, competitiva e atraente de produtos de cultura.

Neste sentido, cómpre resaltar que a Xunta de Galicia impulsou e desenvolveu nos últimos anos diversas accións que redundan na promoción do galego na xente nova, como a Lei de xuventude de Galicia, aprobada na pasada lexislatura, que establece a promoción da lingua galega como un eixo prioritario da acción de goberno, ou o Plan estratéxico de xuventude de Galicia 2014-2016, que contempla once medidas para fomentar o uso do galego nos distintos eidos sociais.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine