Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entrevista

Davide Salvado: "O galego é un pobo riquísimo pero con bastante autoodio"

"Calquera cousa patrimonial de noso é menos ca unha de fóra", critica este artista con tres nominacións nos Premios de la Música Independiente de España

Davide Salvado.

Davide Salvado. É pronunciar este nome e unha marea de fitos e lembranzas veñen á mente. Dende aquela vez que no 2011, este marinense cantou no medio da rúa peonil do Calvario en Vigo sobre un sofá; á última edición do Womex cando se convertiu no segundo galego que actuaba na historia desta cita internacional; pasando polos sons especiais do seu último disco Lobos ata a súa aportación á alianza de Cristina Pato, Anxo Pintos, el mesmo e Roberto Comesaña en Rustica. Esta semana soubemos que conta con tres nominacións ós Premios de la Música Independiente a mellor disco galego (finalista por dous proxectos diferentes) e a mellor disco de World Music de España.

"A verdade é que non son consciente do que supón. Nunca optei a el pero vexo que é un recoñecemento a nivel nacional moi interesante. Éncheme de orgullo.", asegura polo teléfono mentres de vez en cando se escoita o bufar dos cabalos.

- Aproveitará para relanzar Lobos que se sacou hai un ano.

- Si, é unha oportunidade para que o comece a coñecer este proxecto que se fixo con tanto cariño. Un recoñecemento destas características é unha pasada, a verdade. A nivel persoal, pensas que un traballo que custou tanto facer está comezando a ser recoñecido.

- A que se refire con que custou tanto este proxecto?

- Ultimamente, facer música está moi complicado e, cando non tes moitos cartos, gravar r contrata-los músicos, é moi difícil pola parte económica. Facer un disco con esta calidade como pode ser Lobos é complicado pero faise inda que sexa con poucos medios.

- Neste traballo, destaca o seu rexistro vogal pero tamén a sonoridade instrumental que ten un pé no tradicional galego pero tamén noutros sons máis perto doutras latitudes.

- Para min, a música non está atada a un sitio e a unha cultura. Para o meu parecer, ten que ser aberta e, para que sexa rica, ten que ser global cunha raíz moi afianzada. Neste caso, a raíz está clara, é galega, porque eu son galego e todo o que canto é galego. Aínda que cante un bolero en español, vai ser galego porque quen o interpreta son eu. A interpretación é o que conta. En canto ó disco, ten sonoridades do mundo porque a miña música non me gusta etiquetala no folc ou na música tradicional galega só. Gustariame que se etiquetara máis na World Music, músicas do mundo. É unha cuestión de apertura mental. Non teño perxuízos. Se un tema meu me pide percusión hindú, non teño ningún problema en poñela.

- Que lembranzas garda do Calgary Folk Music Festival?

- Fomos o ano pasado a Canadá. Foi unha pasada. Acudir a un dos considerados como mellores festivais de World Music representando ó teu país foi marabilloso pero non recibimos ningunha axuda do Agadic. Eu fixen o Womex e, a partir de aí, saíron moitas ofertas para saír polo mundo. A cousa máis interesante foi Canadá e solicitamos a axuda a Agadic e non nos deu un duro para costea-la viaxe e tiven que pedir un préstamo para viaxar cos meus músicos ata alá. Foron máis ou menos 7.000 euros. Eu, se non fora polo crédito, non o podería asumir. Paréceme bastante inxusto. A ver se cambian as cousas, este ano temos algunha viaxe programada para o estranxeiro e espero que este ano si nos apoien. Pero como experiencia persoal foi incrible, un soño. Cantar unha ribeirana, algo moi local da Costa da Morte, para 15.000 persoas só coa pandeireta e a voz e que a xente tolee, é bastante emocionante.

- Nas nominacións mídese con Ses, Xabier Díaz e Tributalina, na categoría de mellor álbum en galego. Por quen aposta?

- Para ser sinceiro, paréceme complexo porque cada un de nós temos o noso público. É unha fortuna estar nomeado. Supoño que dependerá de como fagamos a campaña para conseguir votos. Eu creo no meu proxecto artístico, estaría ben que gañara, pero tamén creo no dos demais.

- Que proxectos de futuro ten?

- Moitos dentro e fóra da música. Estou iniciando un proxecto moi interesante que sería asumi-la responsabilidade de levar un local aberto para residencias artísticas de todo tipo, cursos de agroecoloxía e tamén unha especie de corte con cabalos. E agora estoume iniciando como pensador e xerente de todo isto. Musicalmente, estou gravando un vídeoclip moi interesante cun bailarín de Madrid e tamén temos moitos concertos programados para este verán. Moitas das datas son por fóra de Galicia porque, neste país, inda non se lle dá a importancia que lle compre á música.

- Por que cre que se lle presta pouca atención? Cambiaremos?

- Eu non sei se vai cambiar. Historicamente, somos un pobo riquísimo pero non sei dende que punto da historia ata agora temos bastante auto odio. Por iso, calquera cousa patrimonial é menos ca calquera cousa de fóra. Iso haino que estudar antropoloxicamente e eu non son o ideal. Dende aquí, quero dar un dato positivo, para que nas vilas e cidades haxa proxectos galegos e en galego, haxa restaurantes de comida galega, se poida estudar en galego, se poida escoitar música en galego. Eu creo que si, que si se pode cambiar. Temos potencial e quero ser positivo.

Compartir el artículo

stats