Aínda que o protocolo aborda o concepto do trastorno do espectro autista, tomando como referencia a definición da Asociación Americana de Psiquiatría, e adica un epígrafe amplo ao diagnóstico do TEA, "moi centrado nas condutas ou manifestacións que resultan fundamentais para levar a cabo" unha "detección precoz" a través dunha serie de indicadores aos que "debe estar atenta a familia e a escola", o "principal asunto" que trata o documento é como se aborda o tratamento educativo do alumnado con TEA.

Nesa liña, o texto argumenta que "de pouco serve un diagnóstico se non se acompaña de medidas educativas adecuadas para ese alumnado". Esas medidas non atinguen só aos propios alumnos ou ao profesorado, no que a figura central sería a do titor, senón tamén á aula, ao centro, ás familias e ás entidades sen ánimo de lucro que colaboran na atención dese alumnado, axentes todos eles entre os que se promove a colaboración e coordinación.

Polo que respecta ao estudiante, aconséllase por exemplo colocalo na aula preto das fontes de información, "tratando de evitar posibles elementos de distracción", como o ruído dos corredores ou unha zona de paso á papeleira; o rexistro nunha axenda das tarefas que ten que facer e dos materiais que precisa; un apoio visual "permanente e coherente" que clarifique as explicacións; reforzar o bo desenvolvemento dos "puntos fortes" porque fomentan a mellora da autoestima ou a adopción dun currículo que potencie o desenvolvemento das funcións cognitivas, "que lle permitirán acceder ao mundo social", coma as habilidades comunicativas e a prol da autonomía.

O protocolo tamén indica, entre outras pautas, que na aula haxa un ambiente "moi estructurado, predecible e fixo", onde o neno saiba "en todo momento o que vai acontecer", o uso dunha linguaxe "clara, precisa", a promoción do traballo en grupos pequenos ou a axuda "permanente" do profesorado. Pola súa banda, todo o centro debe implicarse na preparacións dos recreos e das excursións ou na identificación de espazos con pictogramas. En todo caso, a clave é "personalizar" a intervención educativa e tamén facer un seguimento para verificar se proceden novas medidas. No que toca á avaliación establécese centrarse nos aspectos positivos, e sobre todo incidir na comunicación e na interacción social.