A farmacia do mar está na Antártida

O biólogo galego Javier Cristobo visita por oitava vez o continente na busca de novas especies mariñas que poidan producir substancias de uso farmacolóxico

09.02.2016 | 18:21
Javier Cristobo mergullando na Antártida. // FdV

Se o noruegués Roald Amudsen, primeiro explorador europeo en alcanzar o Polo Sur, puidese ver como se desenvolven as expedicións antárticas na actualidade, ficaría abraiado. Fronte á épica daqueles comezos do século XX nos que os pioneiros, sen apenas medios e cunha tecnoloxía rudimentaria, arriscaban as súas vidas ao expoñérense a unhas condicións extremas, os investigadores actuais foxen da épica. Tanto é así que o galego Javier Cristobo, que se atopa no continente xeado por oitava vez, asegura que o máis duro da viaxe é estar lonxe da súa familia.

"Contamos con todas as comodidades", explica este biólogo, natural de Ares, desde a base Gabriel de Castilla da illa de Decepción, situada no noroeste antártico. "Temos grandes cociñeiros, lavandería, auga quente, e unha morea de servizos que precisamos para o propio desenvolvemento da nosa labor científica: Zodiacs, un módulo de mergullo onde podemos deixar o equipo, un laboratorio científico onde podemos facer experimentos, acuarios? É case como traballar na casa", afirma.

Cristobo forma parte da misión Distantcom, destinada a investigar as especies mariñas das costas antárticas con dous obxectivos: O primeiro, descubrir novas especies para a ciencia. O segundo, estudar os compostos químicos que producen e determinar se poderán ser utilizados para producir medicamentos. "Buscamos animais que produzan substancias tóxicas para a súa autodefensa, como esponxas, corais, ou algún equinodermo", aclara o científico. Son estes elementos químicos, a priori nocivos, os que poden conter todo tipo de propiedades "bioactivas, antibacterianas e mesmo antitumorais".

Nos últimos anos os océanos están a gañar máis relevancia para a industria farmacéutica e cada vez son máis os expertos que sinalan a existencia dunha "farmacia do mar". Segundo un estudo da empresa galega Pharmamar, especializada na creación de tratamentos oncolóxicos, mentres só unha de cada 10.000 especies terrestres resulta útil para o desenvolvemento de novos fármacos, no caso das especies mariñas a relación é de unha por 70. Cristobo indica que, neste sentido, a Antártida é un lugar "privilexiado". "Aquí queda moito por explorar e investigar, polo que as posibilidades de atopar novas especies e substancias para usos médicos son maiores que noutras zonas nas que xa hai moitos estudos feitos", argumenta.

Malia o potencial da investigación oceánica, Cristobo critica que só "unha mínima parte" dos fondos mariños por debaixo dos 1.000 metros están explorados. No caso da Antártida, asevera, o descoñecemento dáse "a todos os niveis". O biólogo galego achaca esta situación á falta de financiamento, aínda que admite que unha investigación como a súa é "cara". "A medida que intentas coller unha mostra a máis profundidade precisas barcos máis grandes, submarinos máis potentes, e os equipos que permiten descender ata aí non son fáciles de conseguir", manifesta, malia que opina que o criterio económico non é o máis axeitado. "Seguir aumentando coñecementos sobre a fauna e flora que vive nas costas é de vital importancia para poder prepararnos de cara ao futuro. No noso caso, hai que ter en conta que estas substancias que non se coñecen teñen o potencial de ser fármacos e poden chegar a salvar vidas".

O proxecto Distantcom, dirixido pola bióloga da universidade de Barcelona Conchita Ávila, está financiado polo Ministerio de Economía e conta coa colaboración de institucións coma o Instituto Español de Oceanografía (IEO) ou a universidade de Harvard. Cristobo, como director do IEO de Xixón, encárgase das labores de mergullo, que se realizan a unhas temperaturas mariñas cercanas á conxelación: "As miñas tarefas pasan pola organización, a seguridade dos traballadores, loxística e preparación da efectividade de mergullo, e tamén me encargo de elixir as zonas máis axeitadas para recoller as mostras".

A expedición chegou á Antártida a comezos de decembro e ficará na illa de Decepción ata o 18 de febreiro, cando subirá a bordo do buque de investigación mariña Hespérides para mergullar en distintos puntos do océano, "algúns dos cales están practicamente inexplorados", e realizar sondaxes mariñas "a máis de 3.000 metros de profundidade.

"Nós estamos abrindo o camiño porque hai moitas cousas que aínda non se coñecen", di o aresán, que se considera un "privilexiado" por poder traballar no continente.

Entre os obxectivos do programa Distantcom tamén está estudar as consecuencias da acumulación de contaminantes e o cambio climático nas poboacións mariñas do Antártico. "Este é un lugar no que os efectos se poden notar moito máis, porque as especies están habituadas desde hai séculos a unhas condicións que variaron moi pouco", indica Cristobo. Algunhas destas consecuencias xa se aprecian, como o desxeo ou o aumento das temperaturas, e segundo o científico galego poden supoñer a desaparición de moitas destas poboacións mariñas. Cristobo explica que o xeo da Antártida é doce, xa que está formado "pola auga de choiva", polo que ameaza con "desalinizar" o océano Antártico. "Haberá especies en risco de desaparición porque non soportan a baixa salinidade", afirma o biólogo, para quen tamén é posible que outras se movan cara o continente "aproveitando" o aumento de temperatura da auga.

Este aresán, non obstante, amósase optimista con respecto ao futuro. "Hai anos os países foron moi reticentes, porque reducir a contaminación custa cartos e implica un maior control económico. Nos últimos tempos parece que o están a tomar máis en serio. Deben saber que se este cambio non se produce xa as consecuencias para os países poden ser moi graves, desde catástrofes naturais ata a inundación progresiva de cidades", sentencia o científico.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

CINE


Jar Jar Binks.
¿Cuál es el personaje más odiado de ´Star Wars´?

¿Cuál es el personaje más odiado de ´Star Wars´?

A pesar de su mala fama, Jar Jar Binks no es el personaje menos querido de la saga

Cinco mujeres más acusan a Dustin Hoffman de abusar de ellas

Cinco mujeres más acusan a Dustin Hoffman de abusar de ellas

El actor ya había sido denunciado públicamente por otras tres mujeres por episodios similares

´El sentido de un final´: Los delirios de la memoria

´El sentido de un final´: Los delirios de la memoria

Una verdad oculta que sale a la luz en un momento trascendental de la familia

´Verano 1993´ se queda fuera de la carrera de los Oscars

´Verano 1993´ se queda fuera de la carrera de los Oscars

La cinta chilena 'Una mujer fantástica' es el único largometraje latino que optará a los premios


Weinstein afirma que las acusaciones de Salma Hayek "no son exactas"

Weinstein afirma que las acusaciones de Salma Hayek "no son exactas"

El productor de Hollywood "no recuerda" haber presionado a la actriz para que realizara desnudos

Disney compra 21st Century Fox por 44.293 millones de euros

Disney compra 21st Century Fox por 44.293 millones de euros

Se hará con los estudios de cine y televisión y otras partes de su negocio internacional de cable

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine