O Culturgal 2015 pechou onte as súas portas despois de recibir a visita de preto de 14.500 persoas. A Feira das Industrias Culturais de Galicia celebrouse durante tres días no Recinto Feiral e o Pazo da Cultura de Pontevedra baixo o lema #presumedeculturgal.

Literatura, teatro, cinema, música e arte en diferentes manifestacións se deron cita esta fin de semana nun evento que xa está pensando na súa novena edición, que se celebrará o 2, 3 e 4 de decembro de 2016, segundo anunciou a organización, e que conta co apoio do Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a colaboración da Deputación provincial.

O presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, amosaba onte a súa satisfacción polas cifras de público. "A modificación da distribución espacial da feira permitiu unha mellor circulación do público e un maior conforto na experiencia da visita", asegurou.

"O illamento acústico dos espazos funcionou e conseguimos unha feira más ordeda, mellor estruturada que en anos anteriores", engadiu.

Na mesma liña se manifestaba, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, que afirmou que o Culturgal, "é un proxecto asentado, querido e moi demandado, tanto polo sector profesional como polo propio público".

"Esto nos leva a pensar no futuro da feira, para que sexa un espazo consolidado do que nos poidamos sentir orgullosos", engadiu.

"Estamos a ver que nos últimos anos levou un pulo. Dentro das industrias culturais hai unhas ganas moi grandes de amosarse, de colaborar entre entidades. Os tempos son complexos, pero é necesaria esa colaboración", subliñou.

"O Culturgal seguirá en Pontevedra sempre que a organización así o queira, pero eu son das que pensa que se andamos a mover de lugar un proxecto, a cambiarlle as datas... nunca vai consolidar", indicou a responsable de Cultura do Concello.

Sobre esta cuestión tamén falou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. "O Culturgal está xa moi consolidado. Forma parte do panorama das feiras culturais de Galicia e están cumplindo o seu papel de integración do sector profesional. Aquí están os profesionais da cultura nos diferentes ámbitos", dixo.

"Non vexo ningún tipo de horizonte diferente para o Culturgal que faga mudar a súa permanencia en Pontevedra. Aquí conta co apoio da Xunta, do Concello e da Deputación", recalcou.

Premio do Público

O derradeiro día do Culturgal 2015 controu, entre outros, co acto de entrega do Premio do Público, que este ano recaeu no Festival de cine Curtocircuíto. Recolleu o premio o director da cita audiovisual, Pela del Álamo.

O certame cinematográfico proclamouse vencedor na votación online e popular promovida durante os meses de outubro e novembro polo Culturgal fronte aos outros dous candidatos: a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e Sinsalaudio.

Ademais, o domingo contou con numerosas actividades relacionadas co audiovisual, como as xornadas Firma e Filme, promovidas por Agadic en colaboración con Agapi, que puxeron en contacto ás produtoras audiovisuais cos editores galegos na procura de material fílmico entre literatura máis recente do país.

O violinista pontevedrés Manuel Quiroga (1892-1961) tamén estivo presente dalgún xeito no Culturgal coa proxección dun documental sobre a súa vida con guión da súa sobriña neta Milagros Bará.

Tamén relacionado con Pontevedra, o programa de onte incluiu un acto de presentación do libro "Un cesto de mazás", da xornalista Montse Fajardo.

Os concellos da provincia estiveron este ano presentes a través do stand que a Diputación de Pontevedra instalou no Culturgal. Así, onte o de Moaña presentou o Festival Intercéltico e o de Cambados deu a coñecer as xornadas da Fundación Manolo Paz.