C.VILLAR / SANTIAGO
Nalgunha das localidades nas que xa se estreou, os rapaces mesmo pediron bises. Agora, dende hoxe e ata finais de mes, será Compostela e, máis en concreto, o Salón Teatro, onde nenos e adultos están convidados "a xogar e a implicarse" co novo proxecto do Centro Dramático Galego, a peza "Tarará-Chis-Pum!", cortesía da compañía Artello Teatro Alla Scala. Xa está previsto que 2.775 alumnos de 37 centros de ensino de toda a comunidade disfruten da obra durante este mes grazas as funcións escolares programadas.
Como dicía onte na presentación un dos actores da peza, Avelino González, o público atoparase diante dun "espectáculo raro". "A xente", explicou González, ten a idea lóxica de que o teatro é aburrido, porque se fai moito teatro aburrido, e tamén moito cinema aburrido. Pero esta obra non é de sentar, mirar, apraudir e marchar, senón que Santiago Montenegro perpetrou algo diferente, estraño".
Un dos rasgos que fai diferente a esta obra, codirixida por Santiago Montenegro e Rosa Hurtado, é que se trata dunha "creazón colectiva" e ademais é unha versión dunha obra que a propia compañía estreou en Vigo fai case trinta anos baixo o mesmo título converténdose no primeiro espectáculo profesional de teatro infantil feito en Galicia.
Con esta historia, que narra a historia dunha pequena aprendiz de pallasa que perde o sorriso na escola, trátase de chegar a un público "máis amplo", segundo sinalou a directora da compañía pública galega, Cristina Domínguez, quen avanzou que o CDG ten previsto producir unha obra por tempada para os máis novos.
Asemade, Cristina Domínguez negou ao final do encontro cos medios que incumpra a Lei de Incompatibilidades, tal e como denunciou o PPdeG o pasado sábado, e convidou a quen o desexara a revisar os seus "papeis", que dan fe, insiste, en que "todo está en orde" e que amosan que non vulnera o seu contrato de exclusividade. A responsable do CDG explicou que antes de asumir a dirección da compañía pública se desvinculou dos seus anteriores labores profesionais, como profesora na Escola de Arte Dramático de Vigo e como responsable de A Factoría Teatro. En alusión a esta compañía, sinalou que leva recibindo subvencións da Xunta "dez anos", polo que rexeitou as críticas dos populares pola recepción de axudas por valor de 59.628 euros á súa antiga compañía.