A Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil vén de editar un libro en edición non venal no que se recollen poemas nas catro linguas oficiais do Estado de catro escritores que aportaron cadanseu cinco obras. Titulado Troballengües, Trobalinguas, Eletrobak, Trovalenguas, esta recompilación foi presentada onte na Casa do Libro de Vigo cun recital dos seus catro autores: o barcelonés Miguel Desclot, o vigués Antonio García Teijeiro, o guipuscoano Juan Kruz Igerabide e a madrileña Ana María Romero Yebra.

Diseñado pola ilustradora Tesa González sobre unha idea de Sara Moreno Valcárcel (Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil), Trobalinguas supón un exercicio poético lúdico e pedagóxico polo que cada autor se apropiou de cinco poemas dos outros tres colegas para pórlles as palabras das súas linguas.

Trala súa presentación na Casa da Panadería de Madrid, onte recalaron en Vigo e próximamente achegarán a obra a Barcelona e Durango.

A Teijeiro tocoulle neste caso oficiar como anfitrión. O poeta vigués recorda que se trata dunha idea ao estilo de Galeuska.

"É algo pouco habitual dirixida aos nenos e os mozos, sen ningún tipo de prexuízos", expón Teijeiro, quen defende o valor da poesía como nexo de unión entre os pobos.

"O valor da palabra, do sentimento, da musicalidade, fai que a xente se emocione independentemente da lingua na que se recite o poema", opina o escritor.

Ademais, nestes tempos convulsos polo debate autonómico, Teijeiro cre que proxectos como estes "serven para que a xente vexa e sinta que España é plural e que ten catro linguas en conexión dispostas a convivir e a demostrar que un Estado é máis rico canto máis plural é".

Na súa opinión, "a aparición deste poemario pode axudar a replantexar determinadas cousas, pois un país é máis rico cantos máis medios de expresión ten e non podemos seguir pensando nunha España uniforme".

Sobre o feito da traducción, o poeta galego recoñece as dificultades que ofrece a poesía para pasar dunha lingua a outra, pero matiza neste sentido: "Nós falamos máis de versións que de traduccións, é dicir, o que fixo cada un de nós foron versións nas nosas linguas dos poemas dos outros, pero o espírito poético permanece".