Na entrega desta semana de "Desenredando a Rede", un dos programas divulgativos que emite a Televisión de Galicia (TVG) para presentar melloras, iniciativas e problemáticas da sociedade, os expertos falarán dun tema que cada vez está máis presente na poboación: a adicción ás redes sociais. Os especialistas darán algunhas pautas para saber como detectar este problema e como atallalo. Hoxe, as gamers do programa, Katu e Chus, levarán a cabo un dos seus retos máis noxentos pero, á súa vez, máis divertidos, e que terá que ver coas fabas de Harry Potter.

Na sección Nan@s, os máis cativos investigarán o que é un Tamagotchi, chegando a conclusións moi diferentes e orixinais, e, na sección I+D+i, o programa presentará inventores made in Galicia. Os reporteiros sairán á rúa para poñer a proba aos viandantes en novas tecnoloxías.

Por outra banda, o programa "A Revista" coñecerá en directo a marca de leite fresco Rural Muller, producida unicamente por traballadoras en Lugo. Este novo produto é a primeira pedra dunha iniciativa levada a cabo por mulleres do rural galego cuxa finalidade e reivindicar o papel da muller na produción de leite e involucrar nela tamén á industria e as distribuidoras.

Ademais, os reporteiros do espazo desprazaranse ata Pontevedra para coñecer a Maruja Solís, que fai 102 anos, o que a converte nunha das persoas máis lonxevas do país. En máis dun século, viu pasar dúas guerras mundiais, unha civil e centos de fitos históricos.