Homenaxe a Isidro Parga Pondal

O científico galego xunto ao físico Carlos Gómez-Reino reciben unha distinción no Día da Ciencia en Galego cunha serie de actos da Consellería de Cultura e Educación

30.11.2015 | 04:07
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no acto central do Día da Ciencia en galego. // FDV

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrou esta semana o Día da Ciencia en galego cunha actividade de dinamización lingüística dirixida a alumnado de Primaria e que tivo lugar no Museo de Historia Natural Luís Iglesias da Universidade de Santiago (USC). A conmemoración, vixente desde hai seis anos, céntrase neste 2015 nos solos e na luz, e os científicos universais seleccionados para a homenaxe son Christiaan Huygens, autor da teoría ondulatoria da luz, e Max Planck, considerado o pai da teoría cuántica.

No panorama galego, elixiuse ao físico Carlos Gómez-Reino Carnota e ao xeólogo Isidro Parga Pondal. Como escenario optouse polo Museo de Historia Natural da USC, xa que nel se gardan dúas coleccións petrolóxicas vinculadas ás investigacións do propio Parga Pondal.

No acto central participaron o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora do Museo de Historia Natural da USC, María Isabel Fraga; e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Rios. Tamén se contou coa destacada presenza de Isidro Parga, neto do homenaxeado Isidro Parga Pondal, quen achegou unha visión familiar e próxima sobre o destacado xeólogo. Na súa intervención o conselleiro Román Rodríguez salientou a "curiosidade" de Isidro Parga Pondal, do que "podemos imaxinar dixo que facía moitas preguntas, procuraba entender o mundo que o arrodeaba e saciaba a súa curiosidade nas aulas, nos libros e nas explicacións dos seus maiores". Dirixíndose ao público infantil, Román Rodríguez explicoulles que este científico "antes de ser un adulto admirable e sabio" foi un neno coma eles. Os asistentes gozaron tamén cunha performance dedicada ao científico de Laxe, e cunha visita guiada ao museo.

O Día da Ciencia en galego contempla un abano de actividades que, ademais do acto no museo do pasado mércores, terá continuidade noutras iniciativas como a da Biblioteca Xeral da USC que publica en formato PDF a obra Isidro Parga Pondal e Carlos Gómez-Reino Carnota na USC, na que se recolle unha escolma da bibliografía sobre o ilustre xeólogo e o profesor de Física. E na xornada de hoxe o museo acolle varios obradoiros gratuítos arredor do pai da Xeoloxía en Galicia, para os que é preciso inscrición previa. Nenos e nenas de entre 6 e 12 anos visitarán en horario de mañá as coleccións do museo nas que Parga Pondal traballou e realizarán actividades ao seu redor coas que poderán comezar a súa propia colección de pedras de Galicia como no seu día fixera o xeólogo. A quenda dos adultos será o mesmo día en horario de tarde, de 17.00 a 19.00 horas.

Por outra banda, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística festexará a xornada cunha videoconferencia para os centros de ensino secundario en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística e a Área de Redes e Comunicacións Multimedia da Universidade da Coruña.

O homenaxeado, nado en Laxe (A Coruña), o 17 de decembro de 1900, era sobriño-neto de Eduardo Pondal. As súas investigacións permitiron un grande avance nos coñecementos xeoquímicos e xeolóxicos en Galicia e noutras rexións de España e Europa con publicacións como o Mapa xeolóxico de Galicia e o Mapa xeolóxico da Península Ibérica. Estudou Bacharelato en Santiago de Compostela e a carreira de Ciencias Químicas na Universidade de Madrid, conseguindo a licenciatura en 1922. Ao ano seguinte obtivo unha praza de profesor auxiliar de Química Inorgánica e Analítica na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela, un posto que ocupou ata 1936. Entretanto, apareceron os seus primeiros escritos sobre xeoquímica, publicados na revista do Seminario de Estudos Galegos, do que era membro desde 1924.

Químico de formación, as súas investigacións orientáronse desde mozo á análise de minerais e rochas, publicando numerosos traballos desa temática. Os seus coñecementos melloraron grazas a bolsas de ampliación de estudos que o levaron a Zürich e a Berlín, entre 1930 e 1933. Na Universidade de Santiago estableceu o Laboratorio de Xeoquímica de Galicia, primeiro deste tipo fundado en España.

En 1934 rematou a súa tese de doutoramento obtendo a calificación de sobresaínte cum laude na Universidade de Madrid. Nesta época converteuse nun dos profesores investigadores máis importantes do campus compostelán, chegando a impartir catro materias diferentes.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

 
Enlaces recomendados: Premios Cine