Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Adeus ao escritor que dignificou a emigración galega

"Chegou a carta de Neira!"

Lembranza das históricas colaboracións en FARO DE VIGO: "Memoria da Emigración"

"Chegou a carta de Neira!"

Cando xa estabamos a mércores e, contra o que era o costume, a colaboración que Xosé Neira Vilas publicaba no suplemento dominical do FARO, entre 1992 e 1993, non daba chegado, ficamos alarmados, pero bastaba unha chamada para que don Xosé nos calmara: "Tranquiliños que, eu, mandar mandeina pero, se mañán non a tendes aí, eu mesmo vou a Vigo a levala". Nunca fixo falla: Neira era cumpridor, pero o que non o debía ser tanto era o servizo de Correos. Porque aqueles capítulos de Memoria da Emigración eran enviados en sobre sellado e datado dende a oficina de correos de Vila de Cruces ata as antigas oficinas do xornal na rúa Colón e, dalí,o señor Fonseca traíanolas á redacción, xa daquela nas actuais instalacións de Chapela. Estaban escritos a máquina (a máquina de escribir, clarexo), con correccións a bolígrafo ou rotulador, e viñan acompañados de fotocopias de personaxes, edificios ou paisaxes para ilustrar o artigo, que ocupaba unha páxina enteira do FARO DOMINGO.

A primeira vez que tiven que telefonar a Neira por mor dun daqueles retrasos estaba un chisco asustado.Ía falar nin máis nin menos que co autor de "Memorias dun neno labrego", aquel libro mítico que eu lera en Bacharelato, recomendado polo meu mestre de Literatura, don Constatino, que non era galego e aínda coñecía pouco da literatura de noso,pero que contaba como compañeiro e asesor nesta materia ao seu colega Carlos Casares, naquel entón profesor tamén no instituto de Rodeira-Cangas.

Mais ao escoitar a súa voz dende o outro lado do arame, deseguida me tranquilicei. Aquel home a quen eu cría un mito en vida falaba comigo, un recén chegado ao xornalismo profesional, cunha humildade, unha amabilidade, unha simpatía tales que me engaiolaron. Falaría despois, anos despois, ata fai tan só un mes, moitas veces con Neira Vilas, quen non só sempre me atendeu co agarimo daquela primeira vez senón que, en ocasións, ata era el quen me chamaba a min para comentarme algunha das súas "cousiñas," nomeadamente para darme algunha noraboa (nunca para criticarme) por certo reportaxe ou para suxerirme: "Mira, Salvador. Hai un personaxe moi interesante sobre o que podías escribir...Non te preocupes, eu douche todos os datos". Cando me chamaba e lle decía a quen tivera ao lado que aquel co que falaba era o famoso Neira Vilas había xente que se quedaba abraiada.

Velaí a razón pola que moitos dos traballos que publiquei no FARO teñen a pegada de NV: dalgúns dábame case que todas as pistas, doutros abríame as portas das fontes onde podería atopar información.

Houbo un especial estreitamento das nosas xa entrañabeis relacións cando o produtor ourensán Ismael González comezou a traballar no proxecto de levar ao cine "Memorias dun neno labrego" en formato longametraxe. Neira insistiu moitísimo en que me puxera en contacto con Ismael "porque é tamén un personaxe impresionante...xa te decatarás. Ti pregúntalle pola súa vida", aconselloume. E así foi. Tiña pensado facerlle unha entrevista curta e acabei charlando con el durante máis de dúas horas. Vaia home o Ismael! Neira volvía ter razón.

Ismael González finou o pasado 25 de xullo en Móstoles. En canto me enterei chamei a Neira, pero el xa era coñecededor da mala nova: "Era un home que tiña unha grande ilusión, non paraba. Non puidemos chegar a facer a película porque non conseguiu o presuposto económico que el quería...Coido que quedou el máis desilusionado ca min mesmo".

Outros con maiores coñecementos dos que quen suscribe escribiron xa arredor dos méritos, tanto persoais como literarios, de Neira Vilas nestas páxinas. No que a min respecta, non quero pecar de repetitivo, pero si confesar que de todos os eudis nos que se moveu, e malia ser o creador do eterno Balbino que tanto nos emocionou, penso que a gran obra de "Pepe" (coa confianza que me dou ata cheguei a tratalo así, como os seus mellores amigos), aquela pola que todos os galegos lle estaremos máis agradecidos foi a recuperación e dignificación dun anaco fundamental da nosa historia como país: o da emigración,un capítulo esquecido e ata agochado de Galicia que hoxe é un dos nosos máximos orgullos como pobo.

Morreu Neira pero aquí queda a Memoria. Nesoutro mundo polo que agora transita, andará na procura do galego que chegou á lúa antes cós norteamericanos e os rusos. Abofé que, coñecéndoo, dará con el e escribirá unha nova crónica.

Compartir el artículo

stats