Se algo tiña Neira Vilas eran anécdotas a escachar. O seu pote de barro podía crebarse e baleirarse de vivencias contadas que sempre tiña moitas máis para enchelo de novo. E, precisamente, cunha anécdota de alegre lectura iniciou a súa colaboración con FARO DE VIGO no número correspondente ao domingo 13 de setembro de 1992. Na sección "Memoria da emigración", o escritor empregaba o titular "Cristóbal Colón e os galegos" para chamar a atención sobre a discusión da orixe galaica do almirante.

Narraba alí que un 12 de outubro, acompañado por Suárez Picallo e outros mozos, máis abaixo da Casa Rosada de Bos Aires, fronte ao monumento a Colón comezaron a teimar en facer broma contra o persoeiro de pedra. Parece ser que naquela noitiña berraron contra o descubridor: "¡Desleigado! ¡De maneira que naciches en Galicia e negáchelo! ¡Eres un fuxido, un tránsfuga!". A trasnada debeu chegar a un volume considerable que chamou a atención dun garda da orde que se achegou e lles preguntou que estaban a facer. A resposta foi ocorrente: homenaxear a Colón.

A continuación, no artigo, Neira Vilas rescata como no 1898 o pontevedrés Celso García de la Riega sacou do peto a súa teoría da raíz galega de Colón nunha conferencia en Madrid. Tamén debulla a obra de José Mosqueira Manso sobre o vencello entre a toponimia dos primeiros lugares descubertos na América e outros de idéntico nome na ría de Pontevedra.

Nas seguintes colaboracións no FARO, Neira Vilas falaría da célebre contralto María Valverde; de Guimaraes Rosa e a lingua galega do Brasil; sobre a significación de Ramón Armada Teixeiro, e da decana das sociedades galegas da emigración, a da Habana. Tamén tivo espazo para escribir na súa máquina sobre a capital cubana e Caamouco; o centenario de Rosalía; o labor de Isaac Díaz Pardo en América...

Rememora o xornalista e exdirector de FARO Ceferino de Blas -nun artigo de opinión no número de hoxe- que a chegada de Neira Vilas a este diario foi ao pouco de arribar a Galicia desde Cuba. A fichaxe durou tres anos e neles, nunha ocasión, o autor de Gres foi mesmo o protagonista do Club FARO, presentado por outro sobranceiro escritor, Víctor Freixanes.

O vencello co decano non rematou trala súa última columna no 1995. Dende entón ata agora, as andainas literarias do escritor sempre obtiveron o resón nas páxinas do xornal tanto na edición xeral como na do Deza.

Cariño especial debe sentirse polas memorias que realizou o xornalista da casa Fernando Franco no 2012 e co que Neira Vilas se sincerou. "Tiven que emigrar para saber que eran a luz eléctrica e o asfalto", dixo.

Nesa entrevista, baleirou un fileiro de sentimentos do pasado: "O mundo campesiño no que me criei non era o mellor dos mundos posibles (...) Sen embargo, nós, os dos anos 30, eramos moi vitais (...) Todo era máis colectivo, e agora máis individual".

Sobre a emigración, chegou a dicir: "Foi unha sangría, pero é inmenso o que Galicia debe á nosa emigración".