Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

perfil // xosé neira vilas

A anduriña do camiño bretemoso

O autor, que negou durante anos ser escritor a pesar do éxito, nutriu as súas obras de anacos da súa autobiografía sobre a dura vida na aldea e na emigración

Neira Vilas, na finca de millo que o inspirou para escribir 'Memorias dun neno labrego'. // Bernabé/J. Lalín

Xosé Neira Vilas, o "fuxitivo da miseria e das néboas" -como o describiu no 1960 o actual presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero- finou na mañá de onte. Despediuse da aldea onde naceu, Gres, en Vila de Cruces (Pontevedra), a súa fonte literaria, de penurias e de éxitos, o espazo onde se desenvolveu a novela en galego máis lida e vendida da historia, Memorias dun neno labrego.

Fillo dun campesiño e carpinteiro, Neira Vilas viviu a súa infancia -"a etapa decisiva da nosa vida" como ben dicía- nos anos 40 nunha aldea, onde ía á escola, botaba o gando a pacer, gozaba coa contemplación dos soutos, carballeiras e ríos e ansiaba a chegada cada ano do entroido e os seus 'xenerais' así como doutras festas.

Ese lado bonito da vida loitaba contra o máis feo dos anos 40 do século XX, os da posguerra, malditos pola pobreza, precariedade, medo, opresión da Igrexa mailos caciques e enormes diferenzas sociais. Todo ese universo en positivo e negativo plasmouno en Memorias dun neno labrego.

Inda que conseguiu ter os estudos básicos e traballar nas oficinas nun aserradoiro da zona, o autor (que mesmo chegou a asegurar durante décadas que non era escritor) decidiu de mozoulo que tiña o dereito a superarse e Neira Vilas non entendía esa posibilidade sen estudar, sen ler. A aldea quedáralle pequena xa que naquela altura a riqueza cultural reservábase para as cidades, alén do Padornelo ou alén do mar.

Con pouco máis de 20 anos, Neira Vilas obedeceu á sorte histórica de millóns de galegos e abandonou o "país-maleta", como chamaba a Galicia, para sumarse ó exilio, á emigración, partindo da costa galega un día de 1949. Bos Aires foi o seu destino onde traballaba de día e estudaba de noite comercio, música, a licenciatura de xornalismo e literatura. Dese sentimento de marcha e de chegada, falaría en verso no seu primeiro libro de poemas, Dende lonxe, que viu a luz no 1960.

Na Arxentina, a morriña transformouse nun desexo que xa non abandonaría: descubrir Galicia e iniciar un compromiso con ela. Para tal misión, afondou na fervenza cultural galeguista na capital coñecendo a Dieste, Suárez Picallo, Blanco Amor, Luís Seoane... Este último foi quen deseñou a cuberta da primeira edición en Bos Aires de Memorias dun neno labrego que saiu do prelo en 1961 na editorial Follas Novas, creada por Vilas e a súa dona, a cubana de orixe galega Anisia Miranda.

Neses anos, espreitábao moita xente abraiada coa súa imaxe cunha maleta no ombreiro, metido en todos os autobuses de Bos Aires, para chamar á porta dos galegos con algunha inquedanza cultural ós que vender os libros que viñan editando.

O libro sobre as aventuras de Balbino, o protagonista neno con mente de home e con conciencia de clase, nado nunha familia pobre de caseiros, aldraxado polos caciques do pobo que comeza a traballar no agro antes da saída do sol e que anda cos pés nús reflicte o ámbito social e xeográfico no que se criou Neira Vilas. "Foi un libro simbólico. Eu son e non son Balbino", chegou a dicir a FARO nunha ocasión, ao admitir que en cada obra ía "dando anacos" de si mesmo.

Nese mesmo ano, a anduriña Vilas marchou a Cuba acompañado por Anisia, ao abeiro da Revolución, illa na que seguiu á procura da cultura galega e onde desempeñou diversos traballos e cargos.

Mentres, en Galicia, as cousas avanzaban máis de vagar. No 1968, Isaac Díaz Pardo e Alonso Montero ansiaban editar Memorias dun neno labrego en Galicia por primeira vez non sen temor á tiseira da censura oficial. Finalmente, o 17 de maio, Edicións do Castro publicaba a noveliña con motivo da segunda edición do Día das Letras Galegas.

En Cuba, chegaría a coñecer a Fidel Castro, ao Che, e profundizaría na presenza galega na insua salgada durante os 22 anos nos que traballou na Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística que el mesmo fundou.

Neira Vilas seguiu publicando e desenvolvendo a súa tarefa na illa. No 1992, ano no que empeorou o embargo norteamericano e un despois do inicio do periodo especial con motivo da caída do Muro de Berlín e do colapso da Unión Soviética, Anisia e Xosé decidiron asentarse na Galicia onde a busca de traballo non foi doada. Un dos primeiros encargos lle chegou do FARO DE VIGO ao fixarse nel o cineasta Chano Piñeiro quen intercedeu para que entrase na nómina de colaboradores. Así, Neira comezou a asinar no decano na súa sección "Memoria da emigración", de 1992 a 1995.

O autor regresou á súa aldea, Gres, de onde non se movería. Alí, erixiu unha fundación co seu nome, cunha enorme biblioteca e co fin de ensinar aos cativos as historias dos seus libros nos que sempre abondou o sentir da emigración como foi o caso, entre outros de Camiño bretemoso ou Historias de emigrantes; así como da vida nas aldeas paupérrimas, destacando a obra Querido Tomás, onde o narrador se pon no corazón dunha mestra de máis de 40 anos, solteira, que confía ao lector o seu pesar pola marcha xa hai moito tempo do seu único amor, Tomás, á emigración.

A súa literatura nestes libros así como en Cartas a Lelo, O cabaliño de buxo, De cando Suso foi carteiro, Lar-nai-pai, Castelao en Cuba, A prensa galega en Cuba, Memoria da emigración ou Crónicas galegas de América, entre outros moitos, valéronlle o seu ingreso na Real Academia Galega como membro de número o 17 de novembro de 1911, proposto por Alonxo Montero, antón Santamarina e Francisco Fernández Rei.

Neira Vilas agradeceu sempre con humildade os premios, entre os que se atoparon o da Crítica Española en narrativa, Crítica Galega de ensaio, O escritor na súa terra da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Medalla de Ouro de Galicia 2015 ademais das distincións como Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana.

O home que un día dixo que "a palabra debe servir á beleza, á creación continua. Debe ser liberdade" pensaba presentar o seu novo libro, Romaría de historias, no Culturgal deste nadal.

Compartir el artículo

stats