Co fin de ampliar o uso do galego na sociedade, especialmente no que respecta ao sector económico, a Xunta, a través da Consellería de Cultur,a comezou os traballos para elaborar o Plan de Dinamización da Lingua Galega no tecido económico 2015/2020. Este documento que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca incrementar a presenza do idioma propio de Galicia nas relacións empresariais e comerciais, un ámbito de influencia e prestixio, e que isto sirva de efecto multiplicador no resto da sociedade. O Goberno galego considera necesarioa a creación de maiores oportunidades económicas e velar pola viabilidade do noso idioma.

A vontade da Administración autonómica é achegarse ás empresas que desenvolven a súa actividade en Galicia e fomentar o emprego da lingua galega nas súas actividades, xa que esta constitúe un dos principais factores de identidade e diferenciación que as empresas poden explotar á hora de venderen os seus produtos ou servizos. Coa elaboración deste plan o que se pretende é que, ao aumentar a presenza do galego no ámbito económico, isto sirva de efecto multiplicador no resto da poboación, xa que se trata dun sector de grande influencia. Un incremento no uso desta lingua nas empresas axudará ao seu impulso no resto dos sectores cos que se relaciona e, polo tanto, na súa visibilidade en todos os ámbitos.

Coa finalidade de implicar a todos os axentes relacionados co mundo empresarial e coa lingua galega, abriuse un período de consultas dirixido a todas as entidades que desexen participar na súa elaboración. No espírito do que será o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2010, que a Xunta prevé aprobar a finais de ano, o idioma propio de Galicia preséntase como un valor engadido no ámbito empresarial, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Un dos aspectos principais é que a lingua galega, ademais de ser un valor como denominación de orixe e de implicar un plus de confianza, calidade e proximidade nos consumidores, fai posible a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro ou o angolano, o que pode redundar nun beneficio nos resultados económicos. Trátase, por tanto, de crear conciencia de que o uso do idioma galego favorece os resultados e obxectivos empresariais, así como as relacións laborais, comerciais e bancarias.

Crear conciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais, estender o uso da lingua galega no ámbito económico, fomentar nos clientes e consumidores o hábito de usaren e reclamaren a atención comercial en galego e estimular a creación e mantemento dunha demanda real e efectiva de produtos en galego son algúns dos obxectivos principais que recolle o proxecto.

O documento inicial deste plan de dinamización xa lle foi remitido a un bo número de entidades vinculadas ao tecido socioeconómico dentro dunha fase de consulta que inclúe o envío do cuestionario órganos da Xunta de Galicia e outras entidades do seu sector público, concellos, deputacións, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a outras entidades que traballan en temas de lingua e empresa. De momento, xa son 25 as entidades que achegaron as súas propostas neste periodo previo á aprobación do plan prevista para finais de ano.