Toda a forza da arte galaica portugués xunguiuse na tarde noite de onte no Teatro Municipal de Tui cunha reinvindicación común: que o patrimonio inmaterial galaico portugués se inscriba na lista representativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade por parte da Unesco. Así foi a Gala do Patrimonio.

Nas cancións, nas verbas, co humor e retranca, regueifas, desafíos, os artistas manifestaron este desexo común e loubaron o traballo feito pola asociación cultural e pedagóxica "Ponte... nas ondas!" que fai dez anos optaba a candidatura de Patrimonio da Humanidade, sen conseguilo.

A trepidante entrada das treboadas de Fontoura (Valença do Minho) e a do Baixo Miño, abría a Gala do Patrimonio, conducida por Xurxo Souto quen afirmou que "o río Miño non é fronteira, é arteria de vida. Somos patrimonio da Humanidade". Deste xeito deu paso a Narf e a Uxía que ofreceron, entre outras pezas, "Balada galega imaxinaria" nesta festa galaico portuguesa . "O mellor do patrimonio común son as persoas e as palabras", dixo Xurxo Souto antes de que a cantante Uxía lembrara a señora Carmen do grupo Malvela, e falecida, a quen adicouse unha homenaxe musical pola súa humanidade. O grupo de Porto "Vozes da Rádio" brindou un espectáculo de fino humor, bordado co seu bo facer escénico e musical. "Falamos a mesma lingua. Estamos especialmente felices", manifestaron, expresando tamén o seu apoio á campaña a prol do Patrimonio Inmaterial da Humanidade. O mestre da palabra, Quico Cadaval, puxo o punto da cuestión: "o principal traballo de Ponte...nas ondas! é romper coas fronteiras artificiais". O seu relato, cheo de inxenio e en tono de humor, lembrou ó tempo do contrabando e dos contrabandistas, que "no Xures enfriábanse menos que os de Goián". Citou as ventaxas da fronteira en ter menos emigración coa creación con carabineiros e guardiñas.

A seguir actuou Augusto Canario coa sua concertina e Cándido Miranda, pedindo aplausos para o patrimonio. As Cantareiras do Neiva, unha mostra viva da recuperación de cantigas e traxes, interpretou parte do seu repertorio. Seguíu o grupo Malvela antes de encherse o escenario con todos os artistas participantes que cantaron conxuntamente a popular peza "Pirin, pin, pin", popularizada pola campaña de "Ponte...nas ondas!".