Un libro lembra a vida do Padre Seixas no centenario do seu nacemento

A obra foi presentada onte en Vigo - O relixioso foi o primeiro en oficiar misa en galego no 1965

30.10.2015 | 02:15
Entre o público, na primeira fila, a edil María José Caride (e), o bispo Quinteiro (3ºe), Anxo Lorenzo e Alonso Montero, ao fondo. // J. Lores

Arredor dun cento de persoas acudiron onte ó Centro Social de AFundación en Vigo para apoiar a presentación do libro O padre Xaime Seixas Subirá. Pregoeiro da irmandade (1915-2015). O acto contou coa presenza, entre outros, do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou a Seixas como pioneiro da liturxia en galego. A obra supón unha fotobiografía e a editorial SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) foi a que correu coa edición. O libro foi elaborado por Silvestre G. Xurxo así como por Manuel Cabada que encheron a obra de testemuños e lembranzas do relixioso, quen foi o primeiro que ofrendou a misa en galego o 25 de xullo de 1965.

Galeguista e de esquerdas (os seus contemporáneos lembran que bautizou moito en galego), o Padre Seixas naceu hai 100 anos e co gallo dese aniversario redondo sacouse do prelo este libro que onte tamén foi arroupado por personalidadaes da diócese de Tui-Vigo, a Real Academia Galega e a Fundación Penzol.

Pola súa parte, Lorenzo destacou a "humanidade" do galeguista quen foi "solidario" cos máis necesitados nos lugares onde desenvolveu o seu labor. De feito, a Xunta concedeulle a Medalla Castelano no 1985. O relixioso faleceu en 1994 nunha residencia dos xesuitas en Valladolid tras vivir gran parte da súa vida na cidade de Vigo e a pesar de nacer en Compostela no ano 1915.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 
Enlaces recomendados: Premios Cine