O Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, do Ministerio de Cultura, leva este ano o nome do rianxeiro Gonzalo Hermo (1987), pola súa obra en galego Celebración, editada por Apiario. O xurado destacou do poemario "a aposta por abrir novos camiños para a expresión poética", "a linguaxe arriscada e innovadora":

Pero non hai baixada ao inferno nas letras que escribes despois da febre. /Un lugar onde só quedan os bordos da braña cando o río reborda/

- Sorpréndame, como lle notificaron que gañara o premio, vía teléfono, e-mail ou whatsapp?

- Entereime por unha chamada perdida dun número raro. Marquei e era o secretario de Estado. Deume algo de impresión. Non acabo aínda de crelo. Sigo en estado de shock.

- Xa entrando en materia, vostede, de cativo, tiña a arela de ser mestre ou poeta?

- Non o tiña moi claro. Non sei se quixen ser poeta, como profesión. Sabía que non se podía vivir disto, inda que con este premio vaime caer unha cantidade importante de diñeiro.

- Como foron as súas orixes literarias, como creador?

- Empecei bastante novo a escribir. Lía a Rosalía de adolescente e impactoume. Cando empece a escribir poesía facía de forma tímida, ninguén o sabía. Era un secreto, como se escribise un diario. Ao chegar á universidade, coincidín con poetas e xa o dei a coñecer.

- Que lectura de Rosalía foi a que o engaiolou?

- Follas Novas. O que sentía Rosalía conectaba con esa angustia adolescente que eu tiña. Sentía que Rosalía me falaba ao oído.

- Disfruta sendo profesor?

- Empecei en setembro deste ano. É bastante duro. Poñerte diante de 40 ou 50 persoas a falar é duro pero enriquecedor. Teño un contrato de doutoramento co Instituto da Lingua Galega (ILGA) de Santiago e estou dando docencia na Facultade de Filoloxía. Dou moitas clases, de Literatura, Lingua...

- Fáleme un pouco do doutoramento, cal é a liña das pesquisa?

- A tese trata de editar un libro medieval en galego que está na Catedral de Santiago. É un libro de tenzas, de propiedades. Está escrito en galego e tamén en latín. A nivel lingüístico é interesante e tamén é importante pola onomástica. Hai vilas que aparecen por primeira vez rexistradas. Quero dicir que é o rexistro máis antigo editado que se coñece dos nomes dalgúns lugares. A directora da miña tese é ana Boullón e foi a partir dela que atopei este códice.

- A editorial resalta do libro gañador, Celebración, que "ensaia un tipo de escrita antinostálxica que renega da ruína". Cal foi o embrión do proxecto?

- É un libro que foi escrito nunha etapa de crise vital, un tempo no que tiña presente a idea de cambio. Intenta ser poemario optimista. Penso que nas etapas vitais non hai que ter medo dos cambios nin ter nostalxia polo pasado.

- Algunha xente prefere ter sempre o ollo e a memoria no pasado e no pesimismo. Vostede propón todo o contrario.

- É complicado pero é a actitude vital que hai que ter. Eu son unha persoa con mala memoria. Olvido tanto as cousas boas como as malas. Calquera tempo pasado foi peor.

- Que diagnóstico realiza vostede da saúde poeta galega?

-A literatura gallega brilla na poesía dende o Medievo. O sector editorial, hoxe en día, non dá resposta a toda creatividade que hai. Isto está relacionado coas poucas vendas. En canto ós lectores, a poesía interesa a pouca xente pero a esa xente interésalle moito.

- Voulle plantexar algo hipotético. Imaxine que hai un incendio que ameaza tódalas obras poéticas. Dígame tres que salvaría.

- (Silencio reflexivo) Non sabería que dicir. Os Cancioneiros medievais galego-portugueses, sen dúbida. Despois, algo de Shakespeare habería que salvar. E tamén as obras de Dante.

- E en galego?

-Os Cancioneiros medievais, as obras de Rosalía e a Cunqueiro.

- Agora, algo máis terrenal, sabe que vai facer cos cartos?

- Comprar un coche, que é algo que quería ter. Tamén farei unha festa cos amigos. O que quede, vou gardalo porque o futuro é incerto. Teño contrato ata 2017. Despois, o abismo. Non hai trazas de que continúe dando clase. As cousas están fatal.

o teu corpo trenzado de linguaxe/ sucio cando regresa de tocar/ todos os corpos/ de habitar todas as casas/ finito e leal/ á razón da súa propia condena/ a morte.