Para lembrar a Bento da Cruz (Montalegre, 1925), que xa repousa para sempre na matria raiota do Barroso tralo seu pasamento esta semana no Porto, rebuscamos no arquivo fotográfico do colectivo Arraianos. Grazas a esta imaxe de Suso Díaz revivimos hoxe o inesquecible acto de nomeamento do doutor Bento como Arraiano Maior de 2011.

Nesta foto aparecen as tres persoas que posiblemente máis fixeron pola recuperación e a divulgación da cultura e da identidade arraianas. De esquerda a dereita, Xosé Luís Méndez Ferrín, Bento da Cruz e Antonio Lourenço Fontes. Levabamos moito tempo querendo xuntalos aos tres e ben saben eles que a teimudos poucos lle gañan aos que habitan na fronteira, zona de resistencia ao vivo.

Xa me dixera o amigo Lino Perdiz hai anos que tivera a honra de presentar a Ferrín e a Bento da Cruz por primeira vez. Logo se fixeron amigos e estreitaron lazos cósmicos nas grandes matanzas da casa dos Marinheiros, alcume dos pais do autor portugués. Daquela relación saíu a soberbia adaptación ao galego que Moncha Fuentes fixo das novelas, O Lobo Guerrilleiro e A Loba. Raia en estado puro nos andeis das boas librarías. Imprescindibles para todo arraiano que se prece de selo.

En 2008, o colectivo Arraianos acorda por fin distinguir todos os anos a algún persoeiro ou colectivo co título de Arraiano Maior para premiar o seu traballo na defensa e divulgación da identidade e da cultura deste espazo máxico que é a porosa fronteira entre Galicia e Portugal. O primeiro foi Ferrín, o segundo o Fontes e o terceiro, o Bento. Os da foto.

Nós coñeceramos a Bento da Cruz na vella biblioteca do mosteiro de Celanova, onde veu falar sobre a guerrilla dentro daquel primeiro congreso sobre represión, solidariedade e resistencia antifranquista que supuxo un digno e necesario exercicio de memoria colectiva despois de anos de esquecemento. Alí soubemos da rigorosa investigación histórica desenvolvida por aquel mociño de oitenta anos no seu libro Guerrilheiros Antifranquistas em Tras-Os-Montes. Outro tesouro que nos deixa.

Voltamos a esta imaxe dos tres Arraianos no Pedreiriño, un curuto da serra do Quinxo, entre o val do Limia e a serra do Laboreiro, no concello ourensán de Entrimo. Co Xurés e Santa Eufemia ao fondo. Os petrucios están a falar da vella Gallaecia, do contrabando, da fame negra, dos carneiros e dos fuxidos e dos guerrilleiros. E sobre todo daquela solidariedade que non sabía de raias nin de límites administrativos.

Na presenza de Ferrín, Bento da Cruz recibe a guillada, o diploma e a pucha de mans de Antonio Lourenço, o padre Fontes. Este crego organiza dende hai anos a Noite das Bruxas, a escenificación da aparición do demo na Ponte da Misarela e o congreso internacional de medicina tradicional no que participan curandeiros de todo o mundo. Veleiquí o espírito raioto. Na Raia sempre hai cosas interesantes. Intersticios da vida.

Ese espírito rebelde e irredento foi o que soubo levar á escrita o gran escritor Bento da Cruz. Cronista, historiador, médico rural, deputado, novelista, xornalista, activista e director do Jornal Correio do Planalto, un queincenario que dirixíu até o mesmo día da súa morte e onde publicaba unhas deliciosas crónicas que foron compiladas en tres volumes de Prolegómenos. Dedais de augardente vella.

Afortunadamente, con máis de cincuenta anos de traxectoria literaria Bento da Cruz deixounos moito máis ca boas lembranzas, o seu exemplo vital de resistencia, loita e integridade e a súa xenerosidade. Boa viaxe, doutor Bento, ao principio do mundo dos Arraianos, onde algún día todos nos voltaremos xuntar arredor dunha chega de bois, cun viño, pan de centeo e un bo fumeiro.

(*) Director de Sísifo Confuso. Los trabajos y los días de Francisco Leiro.