O poeta Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) presenta hoxe na Feira do Libro de Vigo a súa primeira novela, "As últimas galerías" (20.30 horas). Cáccamo, destacada figura da xeración lírica dos anos 80, despois de incursións na literatura infantil e de varios libros memorialísticos, entra de cheo no mundo da ficción para adultos cunha novela de evocación coa que pescuda nos enigmas do pasado.
-De onde chegan "As últimas galerías"?
-Os anteriores libros de contido biográfico, a miña propia memoria e a do meu pai, serviron de adestramento para esta novela, sen que eu o soubera. Aínda que se trata de memorias, sempre hai un punto de fabulación... O que quero dicir é que un non nace de cero como novelista nesta publicación.
-Era unha débeda vital?
-Ao longo da vida sempre quixen facer unha novela. Por azar, hai uns anos xurde un tema que si me prende de xeito emocional. Xorde dunha conversa coa miña nai, que está doente de alzhéimer nun xeriátrico. De súpeto revélase a posibilidade de facer unha novela con ela como referente. É dicir, a miña nai sírveme para construír a personaxe, pero non é ela a protagonista. E a partir da conversa co seu fillo e narrador, van xurdindo temas do pasado que el quere reconstruír.
-De aí "As últimas galerías".
-Ben, é unha frase que a miña nai di nun momento e de aí nace. Quedei moi sorprendido con esa idea, como cando un poema che prende por unha sorpresa, un elemento emocional, unha descuberta ou ás veces por unha sensación. Esa frase que dixo nunha ocasión: "Estamos nas últimas galerías", provocou en min un impacto semellante a unha experiencia prepoética. Pero decateime de que aí había un contido narrativo.
-Hai moitos datos baseados en feitos reais na novela, tamén a historia é biográfica?
-Ata un momento determinado do avance da novela, diríamos que hai unha porcentaxe importante de material biográfico, pero logo van aparecendo os elementos ficticios. Hai moita fabulación e elementos que non teñen que ver coa vida real.
-Está ambientada en Vigo, polo menos na mente do creador?
-Non está situada en ningunha cidade concreta, aínda que aparezan unha rúa e unha sala de festas, nunca se cita Vigo. Eu si pensaba na cidade e ambientei o relato cronoloxicamente desde os anos 30 ata hoxe. Pero o núcleo narrativo está centrado nos anos 40.
-A alusión ao coche antigo da fotografía da portada, é unha pista?
-Todos os elementos con rodas na novela van entrelazando temas, constitúen un motivo que artella as historias. Hai un coche que ten un protagonismo especial.
-O narrador simultaneamente é personaxe.
-Si. É quen vai descubrindo varios misterios no pasado da nai, dos que intenta informarse por persoas que a coñeceron. Ela non pode, porque perdeu a memoria... Cada capítulo está narrado dende distintas perspectivas. Hai un traballo documental detrás e tratei de que tivera un aire enigmático, de suspenso.
-Segue a asinar co apelido materno. É unha homenaxe?
-Asino como Pepe Cáccamo diversos traballos de literatura infantil e visual hai moitas anos. Pero o libro si é unha homenaxe e vai adicado a ela.
-Estará acompañado da escritora Xina Vega na presentación.
-Interésame moito a recepción deste libro por parte de lectoras mulleres, porque hai un mundo de protagonismo feminino e que intento que sexa de sensibilidade feminina, aínda que non sei se o consigo e tamén porque penso que hai un certo parentesco entre esta novela e algunhas de Xina Vega. Síntome moi identificado coa súa narrativa.