Vigo sumouse aos actos de celebración do Día das Letras Galegas con numerosas actuacións musicais, actos museísticos e unha celebración oficial diante da Casa Galega da Cultura, ao longo da que se lle deu lectura ao bando escrito por Xabier Romero, director da Editorial Elvira.

O alcalde Abel Caballero lembrou que Galicia viviu onte "un día importantísimo" que se conmemorou na cidade cunha "gran festa". Destacou que Vigo "sente e vive " moi de cerca" e de "maneira intensísima" as raíces da nosa cultura.

O rexedor tamén quixo recordar "á gran poeta viguesa María do Carmo Kruckenberg" finada o pasado sábado. "Unha grande amiga e poeta galega, en galego. Queremos lembrarnos hoxe dende Rosalía de Castro ata Kruckenberg", enfatizou entre os aplausos dos asistentes.

Romero leu un texto adicado a Filgueira Valverde, "destacado historiador, ensaísta e divulgador da cultura galega" que estudiou a literatura medieval galego-portuguesa. E sinalou a coincidencia de que xa as Letras do ano 98 foron adicadas aos trovadores da Ría de Vigo Martín Códax, Xoán de Cangas e Mendinho.

No bando recordou que foi Vigo onde se imprimiu "Cantares Gallegos" hai cento cincuenta e dous anos e que a cidade, ademais de motor económico e industrial de Galicia, "é a referencia da cultura en todas as súas expresións, protagonizando importantes movementos e constituíndo un sinónimo de progreso".

Romero apelou tamén á responsabilidade dos novos creadores "para seguir mantendo vivo o noso patrimonio cultural" e puxo a súa "esperanza" en que as novas xeracións "comprendan a importancia de posuír unha fala propia".

No acto celebrado na praza da Constitución do Casco Vello, o barrio histórico de Vigo onde se imprimiu "Cantares Gallegos", tamén participaron voluntarios que leron algúns textos de Filgueira Valvede e rematou coa actuación da Asociación Folclórica e Cultural Corisco.