Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Charla no CLUB FARO

Luís Menéndez: "As linguas célticas están moi perdidas"

O xornalista falou dos países celtas e da lusofonía, na que utilizou o galego como "lingua internacional"

Público no Auditorio Municipal do Areal, en Vigo. // José Lores

O xornalista ourensán Luís Menéndez Villalva, que falou onte no Club FARO das súas viaxes polos países celtas e da lusofonía, advertiu que "as linguas célticas están moi perdidas, temos que ter coidado e tomar nota". Referiuse ao escocés, lingua que falan 80.000 persoas dunha poboación total de cinco millóns, e do idioma córnico, lingua propia xa perdida de Cornualles (na Bretaña inglesa) e da Illa de Man. E tamén ao galés, lingua máis falada que as outras, e ao irlandés. "En Irlanda, nos bares onde se fala irlandés [gaélico] poñen un letreiro que o advirte -explicou-. É perigoso que poidamos chegar a iso. Son illas lingüísticas que están sinaladas".

Pioneiro da Televisión de Galicia (TVG), onde traballa dende fai trinta anos, Menéndez (Ourense, 1959) é autor das series documentais da TVG "Terras de Merlín", "Terras do Leste" e "Terras de Acolá", adicadas, respectivamente, aos países celtas, aos lusófonos e aos do leste europeo. Coa editorial Alvarellos ven de publicar "Galleira Passport, crónicas viaxeiras do século XXI", libro baseado nas devanditas series documentais, nas que percorreu 320.000 quilómetros.

Logo de ser presentado por Anxo Manuel Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Menéndez dixo que o seu libro é "unha destilación dunha década" de viaxes e unha homenaxe a os afiadores: "Galleira é Galicia na lingua de oficio dos afiadores, o barallete. Nos anos oitenta, cando fixemos [a serie da TVG] 'Galegos no mundo', atopamos afiadores en Montevideo e na Habana". Confesou a súa admiración por escritores de viaxes como Hemingway, Conrad e Javier Reverte, e fixo súa a definición do seu colega Carlos Reigosa, quen dixo del que é un xornalista "que se mete moito nas carreteras secundarias". "O viaxeiro ten un carácter esponxoso, de absorber o que ve e sacar conclusións", dixo.

As "fisterras europeas"

O xornalista ourensán, presidente da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, comenzou falando das "fisterras europeas", os land's end en inglés, con culturas mariñeiras semellantes á nosa: o Cornualles británico, a rexión máis pobre do Reino Unido, onde o córnico practicamente desapareceu, e onde empezan as lendas do mago Merlín, dos cabaleiros da táboa redonda e do Santo Grial. "É un lugar fermosísimo onde nos falaron da importancia dos devanceiros", precisou.

Do País de Gales dixo que os galeses "non son moi queridos, nin polos seus irmáns irlandeses; din que son moi introvertidos, que non falan moito, que son desconfiados... Non sei a quen me recordaban...", ironizou.

Na Bretaña francesa visitou os seus vestixios megalíticos e andivo na procura dos cruceiros que Castelao describiu na súa obra "As cruces de pedra na Bretaña" (1930). "O roteiro sufriu moito cos bombardeos da guerra", laiouse.

En Irlanda coñeceu o mundo dos mariñeiros galegos que faenan no Gran Sol e indagou na lenda de Ith, o fillo de Breogán. Segundo esta lenda, Ith foi o líder da primeira expedición a Irlanda. Dende a Torre de Breogán, en Brigantium (A Coruña), Ith avistaba a illa de Irlanda. "Eles [os irlandeses] din que nos fomos os descubridores de Irlanda".

A segunda quenda de viaxes de Luís Menéndez foi á Comunidade de Países de Lengua Portuguesa (CPLP), da que forman parte oito estados: Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Moçambique, Portugal, São Tomé e Príncipe, Timor Leste e máis a antiga colonia portuguesa de Macao. Asegurou que ademáis dos 220 millóns de persoas da CPLP, tamén se escoita portugués en Goa (India), Formosa e nalgúns portos de Xapón. "En Galicia temos unha lingua internacional, ou dúas, evidentemente -recordou-. O galego a min foime moi útil, e foi emocionante comprobalo. En Timor Leste, a carón de Australia, eu falaba galego. Penetraba en moitos lugares coma se fose un vecinho, e iso ten un valor económico".

Miseria en África

Dixo que o país máis difícil para grabar foi Angola, que acabara de saír de tres guerras. Falou da miseria nos arredores da súa capital, Luanda, con "seis millóns de persoas amoreadas sen luz eléctrica nin saneamento. Os grandes problemas de África son sanitarios e de hixiene máis que de alimentos", lembrou. "Nalguns lugares de África pensaban que lles roubábamos o espíritu coas cámaras". E de Guiné-Bissau dixo que alí "o Estado non existe, chegas e non sabes quen manda".

Na quenda de preguntas, Luís Menéndez sinalou que as terras que máis lle lembraron á Galicia costeira foron as de Connemara e as illas de Irlanda, por ser semellantes á Costa da Morte; e no que atinxe ao interior, a Bretaña francesa, onde se atopa o bosque de Brocelianda, que acolle a tumba do mago Merlín.

"Coa 'pororoca' fixen a entradilla máis emocionante da miña vida"

  • Luís Menéndez, que confesou ser un gran amante da natureza, salientou o Nordeste e a Amazonía coma os lugares máis interesantes de Brasil, o país en lingua portuguesa máis poboado. Respecto a Brasil, "Galicia non é periférica, é ponte entre América e Europa, e iso é unha vantaxe económica", sinalou.No Brasil amazónico viviu o macaréu, o fenómeno que se produce cando as augas oceánicas do Atlántico penetran por debaixo das do Amazonas, río que -asegurou- desaloxa tanta auga nun día coma o Támesis todo un ano. "Levántase a pororoca, unha onda de máis de dous metros, como un tsunami, que penetra durante 45 minutos no río. É o paraíso dos surfistas. Coa pororoca fixen a entradilla máis emocionante da miña vida: tiñamos a onda de dous metros correndo detrás da nosa lancha. Ata os animais da selva calan cando vai comenzar a pororoca".Lenda caboverdianaDixo Luís Menéndez que viaxou a Cabo Verde para investigar unha lenda que escoitara sobre Eugénio Tavares, o escritor e poeta do país, unha figura como Rosalía de Castro para os caboverdianos. "Nos descubrimos dalgún xeito, por esa lenda popular, que Tavares era un neno de colo que sobreviviu ao naufraxio en 1875 do buque Guadalupe IV, cheo de emigrantes galegos. No naufraxio pereceron 62 persoas, pero os nativos salvaron a moita xente. João Martins da Silva, alcalde de Vila Nova Sintra, adoptou a Tavares, que morreu no 1930". Menéndez asegurou que lle preguntou por esa orixe galega de Tavares a un ministro de Cabo Verde, e que lle contestou: "Tal vez se poida dicir que non era mentira".

Compartir el artículo

stats