É o pai do fenómeno "A Esmorga." O cineasta Ignacio Vilar dirixiu o filme que leva so unha semana na gran pantalla pero xa ocupa un podio nas cifras do sétimo arte galego. O relato tráxico dunha destrutiva peripecia polos arrabaldes de Ourense que Blanco Amor publicou en 1959 estase convertendo nun auténtico boom na billeteira. Xusto cando o cinema en Galicia está de aniversario -esta semana cumpríronse 25 anos da estrea de "Sempre Xonxa"-, Ignacio Vilar recoñece ao director daquela obra e farmacéutico, Chano Piñeiro, con quen falaba de cine na súa botica en Vigo. Esta outra conversa con Vilar sobre "A Esmorga", que protagonizan Karra Elejalde ("Bocas"), Miguel de Lira (Cibrán) e Antonio Durán "Morris" ("Milhomes") transcorre no mesmo lugar onde un día Blanco Amor partiu a Arxentina: na estación marítima da cidade que o vería morrer, Vigo.

-"A Esmorga", está no segundo posto en recadación media por copia no Estado, so por debaixo de "Los juegos del hambre". Sexa honesto, presaxiaba tanto éxito?

-Levamos 2.629 espectadores en Vigo nunha semana, onde somos a primeira película; 2.466 en A Coruña; 2.335 en Santiago e 2.219 en Ourense. Estamos en todos os cinemas e enchendo as sesións porque temos unha gran obra detrás: penso que "A Esmorga" é un clásico da literatura universal.

-Abre isto as portas á súa proxección a nivel estatal?

-Si. Temos pensado distribuíla en Madrid e Barcelona. Noto que a xente sae do cine tocada, porque é unha historia dura, pero sae orgullosa. Reparei en que quere dicir iso. E pensei que ven que nós, como galegos, podemos contar a nosa historia no cine e competir con calquera produción do mundo. Iso axúdanos a valorarnos máis. É unha película rodada en galego, en Galicia.

- Como afronta un cineasta o reto un clásico da literatura galega?

-Foi unha das decisións máis difíciles dentro da miña carreira como director. Estás cunha das obras máis grandes da nosa literatura e que a meirande parte dos galegos leron. A responsabilidade é altísima, xa que cada lector imaxina unha película na súa cabeza. Sentín certa inseguridade, medo ou angustia porque rachei totalmente coa miña propia forma de facer cinema. A propia historia levoume a outro xeito de narrar. Quería darlle un choque, facer unha realización de vangarda para un clásico. Apenas hai trípode, case todos son planos-secuencia e son as personaxes as que nos levan...

-Moito traballo de guión.

-A novela é un medio expresivo moi diferente. En "A Esmorga" non había moitos diálogos, agás o interrogatorio, que respectamos. Así que foi traballo do guionista Carlos Asorey e o escritor de Ourense Bieito Iglesias, que me axudou moito no uso do galego daqueles anos 50.

-É unha película de personaxes.

-Si. Están en plano os tres e 24 horas. Tardei moito en escollelos, porque hai unha gran interactuación entre os tres e tiña que funcionar. Tamén o equipo técnico e artístico, os personaxes sen papel que engrandecen a historia.

-Fáleme da ensamblaxe.

-Pechámonos quince días nunha residencia no Carballiño e estivemos a doce horas diarias sobre os diálogos e o guión. Ao final, estabamos tan enclaustrados que lle chamamos "El resplandor" (risos). Aí soubemos a película que tiñamos que facer todos.

-Foi a primeira novela en abordar a homosexualidade en Galicia.

-A homosexualidade está tratada na película como na novela, sutilmente. Todos os espectadores comentan que o notan. Era a sociedade dos anos cincuenta.

-Cre que o crime do "Milhomes" foi por paixón?

-Creo que el quere desenvolver a súa pulsión e permite o alcol pero ao final sente unha traizón. Podería ser unha historia de amor.

-Destaca á fidelidade coa que se trata a novela de Blanco Amor.

- A miña teima era levar a novela á película. E logo, o fundamento do cinema para min é emocionar ao espectador.

-Como logrou reflectir esa atmosfera na película, que amosa totalmente a luz e o ambiente da cidade baixo a chuvia?

- Neste filme era fundamental conseguir esa atmosfera de de choiva. Quería que fora unha protagonista máis da película, que empuxa aos personaxes ao seu destino. Foi unha das cousas máis difíciles de conseguir durante 9 semanas de rodaxe. Vimos ata pinturas da vangarda galega para analizar a luz. O director de fotografía é de Vigo, Diego Romero e traballou en superproducións en India. Axudounos moito tamén a cámara Arri Alexa, coa que traballamos en dixital e que permite ver en máxima definición confome gravas.

-Gravaron fronte a circunstancias climatolóxicas ben adversas..

-Choiva, frío... E o tren das cicloxéneses. Pero a aínda houbo que apoiar con especialistas e camións de bombeiros, que fabricaron máis agua.

-Axudou o roteiro de A Esmorga, que segue case intacto?

-En Ourense practicamente todas as rúas que describe Eduardo seguen ata co mesmo nome. Son localizacións que xa se marcan. Estiven catro meses e tiven sorte co pazo, que atopei en Monforte.

-O filme acaba na perdición. Cada un dos personaxes acaba sendo vítima, algún ata a morte, das súas propias obsesións.

-Hai un plano en espiral, que é algo que os nosos devanceiros xa pintaban e esculpían en petroglifos. Os personaxes estaban metidos nunha espiral da que non deron saído, ata á perdición. Pero a obra ten un punto social: viven nunha sociedade moi opresiva e eu penso que é responsable do que lles pasa. O poder, o sistema péchalles todas as portas...

-Como logrou Karra Elejalde falar ben en galego?

-Estivo traballando primeiro por unha lingüista en Barcelona, Sonia Varela e logo con Raúl Piñeiro, traballando o diálogo en Ourense tres meses. O resultado é abraiante

-Cree que haberá máis galegofalantes logo de ver este filme?

-A gran pantalla serve tamén para valorar o que somos, o que temos e o noso.

-Resultou novidade a presentación cos centros de ensino medio de todas as cidades.

-Foi. E os actores estiveron involucrados dez días. Deuse unha situación inédita: a xente moza que lle está a recomendar aos seus pais e familiares que vaia ao cine a ver a película. Coinciden varias xeracións.

-Desde o IES Blanco Amor de Ourense chega unha pregunta, do departamento de Lingua Galega: "Por que resolve o final do filme con texto e non imaxes"?

-Sempre quixen respectar ao máximo a novela. Pensei que o texto de Eduardo ten tanta forza, que a imaxe non sería capaz de chegar aí. O espectador ten a posibilidade de imaxinar o que pasaría.