Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gañador da 33ª edición do Premio Blanco Amor de novela

Fran P. Lorenzo: "A cidade de Vigo é o xermolo da novela"

"A historia de Europa do século XX conflúe nesta arquitectura a través dunha familia alemana"

Fran P. Lorenzo, onte. // X. Álvarez

Está máis afeito a escribir sobre galardóns literarios, que a falar como premiado. A primeira obra de ficción do profesional da comunicación Fran P. Lorenzo salientou entre outras corenta pezas que concorreron á 33ª edición do Premio Blanco Amor de novela, fallado onte na casa da Cultura de Redondela. O xurado -con Camiño Noia, Olivia Rodríguez, Xosé Antonio Palacio e Xosé Luis Franco Grande- acordou por unanimidade que a gañadora fora "Cabalos e lobos". A obra concédelle total protagonismo a Vigo, a cidade natal de Fran P. Lorenzo, e narra a historia da familia Beckmann, engarzada á de Alemania e á de Europa en xeral durante o século XX.

-Á primeira foi a vencida. Sorte ou oficio?

-"Cabalos e lobos" é a miña primeira novela. Levo vinte anos no oficio da escrita, pero é a primeira vez na ficción. A miña paixón é escribir. Esta é unha historia que foi madurando moitos anos e que me puxen escribir hai tres e, máis intensamente, hai ano e medio.

-Pedíallo o corpo, ¿era unha necesidade?

-Si. Dalgún xeito unha continuación da miña vida, que é a escrita.

-Como é o chimpo de describir a realidade á ficción?

--Supoño que a todos os que traballamos na prensa nos apetece contar unha serie de cousas nas que non podemos relatar tirarnos á ficción, senón apegados á rigorosidade. É como unha especie de indulxencia que te permites; como un plus de responsabilidade. Para min é moito máis complexo afrontar un relato que redactar o que está pasando. Tes que sacar todo da nada, párela ti. Iso para min é un extra de peso.

-A novela está forxada en Vigo.

-Aínda que semelle un tópico, a cidade de Vigo é o xermolo da novela, a protagonista principal. Foi o nexo que atopei. Eu construín a novela a partir da cidade. Non foron primeiro nin a historia, nin as personaxes, senón a miña vivencia persoal e a percepción do que é a cidade. Sobre iso, construín as personaxes, que logo conectei coa historia. Para min a novela é a confluencia de tres planos distintos: por un lado a historia persoal das personaxes, a historia europea do século XX e Vigo. Tratei de que confluíran sen que houbera fendas. A historia sería totalmente distinta se se ambientase noutro lugar.

-É unha época moi densa historicamente, ¿hai moito traballo de documentación?

-Tiven moito coidado ao documentar, para que calquera persoa que non coñeza a cidade, sinta as mesmas cousas. A miña obsesión foi que todo tivera sentido

-Cal é o comezo da historia?

-Comeza co desembarco dunha familia alemana a finais da primeira guerra mundial, e chega ata 2005. O feito de ser unha familia alemana, me valeu para conectalo coa historia europea, a segunda guerra mundial, cos nazis, cos xudeus... Está contada pola voz dunha muller duns 50 anos, que llo está relatando ao fillo.

-Que ocorre unha noite de 1960?

-Hai un suicidio. Unha persoa cae desde o Edificio Albo, situado no cruce das rúas Gran Vía con Urzáiz, é o que habita a familia. Hai un feito incómodo que non se desvela ata o final.

-O relato ten moito de arquitectónico.

-Hai unha reivindicación expresa do arquitecto que fixo ese edificio, Francisco Castro Represas, que é un dos nomes importantes do racionalismo galego con moita obra en Vigo. Temos unha cidade cun patrimonio arquitectónico riquísimo e doe ver como non se lle da valor e logo, hai unha batalla por unha Cruz que non ten ningún. Mentres, unha casa de 1945 de Castro Represas tirouse sen que se escoitara ningunha voz.

-Por qué "Cabalos e lobos"?

-Hai un momento dun diálogo da novela que transcorre na cafetería "Cosmos", que estaba na esquina detrás do teatro García Barbón... Tiñan un debate. Na novela fálase moito dos bombardeos, da segunda guerra mundial, porque os protagonistas tiñan unha casa nunha cidade alemana, Lübeck, a primeira bombardeada polos Aliados. E un personaxe di que en tempos de guerra hai que escoller entre ser cabalo ou lobo. Así que esa é a dicotomía do que escolle a xente na súa vida: ser comido ou comer.

Compartir el artículo

stats