Dende hai uns días, os lectores ingleses poden ler no seu idioma varias obras que naceron en galego. Dove and cut throat de Fina Casalderrey, Black air de Agustín Fernández Paz, Dragal I de Elena Gallego, The painter with the hat of mallows de Marcos Calveiro ou as poesías de Xosé María Díaz Castro son algúns dos títulos escollidos para a colección 'Galician wave' do selo Small Stations Press. Abofé que non son os primeiros títulos galegos que chimpan cara outros mercados traducidos noutros idiomas pero o salientable deste caso é que unha editora foránea se atreva a traducir de golpe varias obras e prometa continuar por ese camiño para facer chegar o mellor da literatura galego ó Reino Unido.

Este apuntamento é necesario a colación da xornada de onte, o Día da Tradución. Pero, neste século XXI, non só as obras galegas chimpan máis aló do Cantábrico ou dos Pirineos. As obras emerxentes ou referentes doutras linguas tamén chegan ó noso mercado. Ó labor que dende anos levaba realizando Galaxia, fóronse sumando os doutras editoriais como a canguesa Rinoceronte ou a viguesa Patas de Peixe.

Dende a primeira, Moisés Barcia sinala que "no vindeiro 2015, cumprimos dez anos. Cando nacemos, fomos os primeiros en traducir de moitas linguas que antes non se vían en Galicia como o islandés, húngaro, árabe ou finés. Aquelo era un pouco triste. Agora, xa se ten avanzando moitísimo". Nestes intres, unha das obras que preparan é da escritora islandesa Kristín Ómarsdóttir a iniciativa dun tradutor galego que se atopa vivindo en Islandia.

Outro labor interesante é o que está a realizar a editorial Patas de Peixe. A súa responsable, Laura Sáez, destaca a importancia da tradución dende os orixinais e para amosalo pon o exemplo de O grúfalo. "É un dos libros para nenos máis vendidos na zona anglófona. Xa estaba traducido ó español cando o traducimos nós ó galego pero en español non tiña rima nin tiña moito sentido; nós preferimos respetar máis o orixinal, o que nos levou moito traballo e tempo. As doce páxinas que ten, con catro liñas por páxina, precisaron de nove meses de traballo de tradución", explica Sáez a quen lle gustaría que se fixera maior promoción da lectura para revitaliza-lo sector do libro. Barcia, pola súa parte, tamén considera que se debería potencia-lo uso da lingua galega e incentiva-la expertación dos libros en galego.

Pero neste Día da Tradución, cómpre tamén reflexionar sobre a situación dos tradutores. Unha das principais preocupacións deste sector é que está prohibido fixar tarifas polo que un profesional que comeza nunca sabe canto pode solicitar por un traballo. "Recibimos chamadas pedindo recomendacións e nós non podemos dálas porque está prohibido pola Lei de Compotencia. Tampouco hai un salario mínimo fixado. Isto é un grave problema", apunta José Luis Morais, secretario da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación (AGPTI), con 120 asociados aproximadamente e un dos dous colectivos galegos que agrupa os tradutores. O outro é a Asociación de Tradutores Galegos (ATG).

Segundo o Libro Blanco de la traducción editorial en España, publicado polo Ministerio de Cultura, AGPTI acubilla ó 1,1% dos tradutores galegos e a ATG outro 1%.

Pola súa parte, Laura Sáez lamenta que non exista un colexio profesional de tradutores, polo quelouva a existencia de AGPTI, da que forma parte.

Acto conmemorativo

Esta asociación profesional presentou onte na Biblioteca Juan Compañel de Vigo (ubicada no Casco Vello), a Guía práctica para o inicio da actividade profesional da tradución ou da interpretación. O obxectivo desta publicación, segundo explicou José Luis Morais, "é dar consellos á xente que comeza na tradución ó saír da facultade".