"Recibo o premio con sorpresa, con alegría", explica Manuel Bragado, "porque realmente é unha fachenda, un gran orgullo, recibir un premio de xornalismo literario en galego que leve o nome de Francisco Fernández del Riego e ao mesmo tempo o premio é un agradecemento para a presenza dos textos xornalísticos en galego nos medios, e moi especialmente a miña gratitude a FARO DE VIGO, que é o espazo que acolle estas columnas baixo o título de Campos de Granada".

-Cantas columnas leva publicadas?

-Mais de 750 pezas, para min é unha enorme satisfacción, unha gran alegría que un traballo publicado no FARO, que é para mi o espazo de referencia como lector dende hai 50 anos, dende que nacín, sexa recoñecido cun galardón deste tipo, unha gran alegría.

-Formouse vostede como educador...

-Si, eu non son xornalista, son editor dende fai 25 anos, editor en lingua galega, e de formación son pedagogo, son mestre de Primaria, pero teño a fortuna de escribir no FARO dende hai 30 anos, o meu primeiro artigo publiqueino en 1984, era sobre temática educativa e a vinculación que teño non é a dun profesional, admiro profundamente ós profesionais da información, penso que o xornalismo é imprescindíbel para ter unha sociedade democrática, para a convivencia e a participación política en liberdade, mais eu son un editor que ten a fortuna de escribir no FARO.

-Dende fai dez anos ten ademais un blog de referencia...

-Nel publico diariamente textos de diverso tipo, tamén é certo que grazas tamén á xenerosidade de FARO publico prosas celestes que son artigos, crónicas do Celta de Vigo.

-Porque é vostede un celtista declarado

-Si (risas) son celtista declarado pero agardo que aínda nun ámbito no que pesa tanto a cuestión emotiva e o entusiasmo os criterios de racionalidade e o rigor tamén estén presentes. O feito de ser celtista é un xeito de estar no mundo, no que hai a veces moitas veces máis perdas que vitorias, pero nunca se perde o entusiasmo nin o sentido de a onde un pertence, e ese sentimento de pertenza é o que creo que ilusiona a tantas personas da nosa comunidade e de todo o mundo.

-Son tempos difíciles para a cultura ¿paga a pena adicar a vida á cultura?

-A cultura é imprescindible, vital, como forma de expresión das nacións e dos seres humanos e dos soños que compartimos, non soamente paga a pena senón que é imprescindible. Dentro das industrias culturais estou especializado no ámbito da edición e traballo nunha actividade que é exemplar para a convivencia, a lectura, que non é so a afición dalgunhas persoas en función das súas preferencias senón tamén unha competencia imprensindible como cidadáns para poder selo, para poder participar e desenvolverse como seres humanos. A lectura está hoxe en proceso de cambio dos soportes, o xeito de acceder a ela, pero segue a ser imprescindible, nós ademais traballamos coa lingua galega, nunha faceta esencial como é a edición para desenvolver unha lingua e unha cultura que aínda están minorizadas e que non teñen idénticas posibilidades a outras, a pesares de que todas as linguas e culturas merecen esas oportunidades por igual, pero ahí está o noso entusiasmo e a nosa ilusión.