"Se un non sabe rir de si mesmo e ser autocrítico, dificilmente poderá selo cos demáis". Esta frase, da autoría de Alfonso Zarauza, é toda una declaración de intencións e probablemente o mellor limiar co que se podería presentar Encallados, unha película cuxo ciclo de exhibicións semellaba rematado ata que, nas mans dunha nova produtora, Mr. Misto, está a disfrutar dunha segunda, e máis longa, vida. Tras as súas proxeccións en Santiago os pasados días 12 e 13 de xuño, axiña estará na Coruña e están a piques de pecharse varias datas de verán en vilas e cidades galegas. Zarauza (Compostela, 1973) é un valor xa recoñecido do cinema galego mediante filmes como O Nordés (2009), A danza de Katiuska (1998) ou A noite que deixou de chover (2008). Pola presente longametraxe, obtivo tres premios Mestre Mateo: mellor montaxe, mellor fotografía e mellor película para televisión.

- Encallados é unha película sobre as dificultades que ten "facer unha película", pero un obstáculo engadido é conseguir distribuír o filme polas canles comerciais. Como lle vai con este sistema alternativo de facer chegar Encallados ao público?

- Polo de agora, está indo ben. Estamos satisfeitos tanto da resposta do público como dos espazos que atopamos para proxectar a película.

- Nunhas recentes declaracións súas, estrañábase Vde. moito de que a catástrofe do Prestige, que está na trama argumental de Encallados, a penas fora levada á pantalla grande. Xa sabe cales son as causas de por que ningún director se atreveu aínda a rodar arredor desta temática?

- Non sei as causas exactas, pero imaxino que ten que ver con evitar problemas engadidos aos, xa de seu, grandes atrancos que se atopan para rodar unha película calquera.

- A súa película recibiu tres galardóns na gala dos Mestre Mateo. Á marxe da satisfacción persoal, estes premios servíronlle de algo?

- Serven para ter un pouquiño máis de visibilidade, pero a verdade é que para moi pouco máis. A min, máis que o premio en si, o que me satisfai é o recoñecemento do meu traballo.

- Branco e negro son as cores de Encallados. Vde cre que existen prexuízos por parte do público diante das películas actuais que, aínda que que sexa a propósito, está rodadas en B/N?

- Non é un prexuízo, senón que existe unha castración por parte da industria que dita que todo aquilo que montes fóra dos modelos standard, non pode ter saídas, o cal é unha completa falacia.

- Que debemos entender por standard?

- Pois, por exemplo, as películas que duran menos de 80 minutos e máis de 120, as que non teñen cores, as historias narrativas de tres actos...O que iso ocasiona é que todo o cine sexa uniforme, pero o espectador non é parvo e pode apreciar diferenzas e sabe que hai diversas maneiras de contar unha historia, e todas son válidas e acepables se están ben feitas.

-A todo isto, aínda está pendente a estrea comercial de Los fenómenos. Vai camiño de ter que recorrer ao mesmo sistema de distribución de Encallados?

-Non creo, porque Los fenómenos é unha película que está feita dentro dos cánones do que a industria considera unha "peli normal". De feito, vaise distribuír polas canles convencionais.

-En Los fenómenos conta Vde. coa presenza de Luís Tosar no reparto. A Tosar coñecémolo actuando -e coñéceno os seus amigos persoalmente, claro-, pero..., como é Luís, toda unha superstrela xa do cinema español, nas rodaxes?

-Luís Tosar é un actor marabilloso e unha excepcional persoa. Polo tanto, con el todo se fai máis sinxelo e máis amable.

-A cáseque xa vinte anos da morte de Chano Piñeiro, pódese falar da existencia dun "cinema galego" o iso continúa a ser un soño?

-Non, no é un soño. De feito, eu penso que existen, xa non só un cinema galego, senón varios cinemas galegos, un máis convencional e industrial, e por outra banda un novo cinema galego que é o dunha xeira de rapaces xoves que están a facer cousas moi boas que até están a acadar recoñecemento nos circuítos internacionais.

-De que tipo de cine e de que caste de directores recoñece Vde. influencias?

-Refírese a recomendacións?

-Non, non é iso.Refírome a influencias artísticas no seu quefacer.

-Hai numerosos directores da historia do cine que me gustan moitísimo. O deber dos directores de cine é estar ao día en todo o que se fai e, claro, supoño que nese senso teño influencias, ás veces inconscientes, de películas que fun mirar e que no seu momento me impactaron. Eu son unha persoa, e un director, sen prexuízos.

-Pódenos falar dos seus próximos proxetos a curto e medio prazo?

-Pois, entre outras cousas, estou a traballar no guión dunha película que pretendemos rodar en Islandia. Tamén estou participando nun proxecto en colaboración coa compañia de teatro Chévere...e ben, levando adiante este modelo de distribución de Encallados e agardando a estrea de Los fenómenos.

Alfonso Zarauza